Cabeceira da web Fervenzas Literarias

Fervenzas Literarias vén de anunciar o resultado da enquisa realizada entre os lectores da súa páxina web, a respecto dos mellores libros editados no 2009, as iniciativas máis relevantes e os profesionais máis recoñecidos deste ámbito. Da suma dos votos reunidos, “Sete casas en Francia”, de Bernardo Atxaga e editado por FAKTORÍA K, foi designado como mellor tradución para adultos. O tradutor, Ramón Nicolás, tamén foi nomeado como mellor crítico literario. Parabéns!

 

Das demais categorías resalta que KALANDRAKA quedou como segunda mellor editorial de 2009. O álbum titulado “A araña e mais eu”, de Fran Alonso e Manuel G. Vicente, que xa fora galardoada co Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil, quedou tamén en segunda posición no apartado de libro infantil.

Libros seleccionados na votación da web Fervenzas Literarias

O ilustrador David Pintor; o crítico literario (profesor e tradutor) Ramón Nicolás 

Por outra parte, “Un gran soño”, de Felipe Ugalde, galardoado por esta obra co II Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, tamén é o segundo mellor valorado na categoría de portada de libro infantil e na de libro infantil traducido ao galego, onde tamén se inclúen outros títulos como “O home de auga”, “Oda a unha estrela” e “O león Kandinga”, en sétimo, oitavo e décimo lugar, respectivamente.

Por último, felicitamos tamén a David Pintor, a quen lle debemos a proposta plástica de títulos como “Hércules e Crunia” de KALANDRAKA e “Tito Longueirón”, na colección de cómic de FAKTORÍA K, que gañou no apartado de mellor ilustrador.