Presentación de "Onde nunca é mañá", con Teresa Seara, Manuel Á. Torneiro e Luís Rei.

A perda da súa nai e o drama da Guerra Civil foron dous episodios que marcaron a nenez do poeta Manuel Álvarez Torneiro. Unha terceira pegada vital foi a que derivou do ermo cultural que se produciu durante o franquismo. Vivencias e circunstancias que se reflicten, segundo explicou a profesora Teresa Seara, na obra lírica de Manuel Álvarez Torneiro, mais “non como un lastre, senón como parte do seu eu”.

No seu novo poemario, “Onde nunca é mañá”, que se presentou no espazo Portas Ártabras da Coruña, Álvarez Torneiro fala “do territorio das cousas que feren, do fenecer dun mundo caduco, en devastadora crise”. Para Teresa Seara, o título da obra agocha a preservación da morte, que está “detrás dos seres”, como xa poetizara Rosalía de Castro en “Negra sombra”. O autor remite nos seus versos á fin dun ciclo, identificando a vellez coa noite e a xuventude coa mañá. “A vida é quen nos sacrifica”, conclúe Teresa Seara na análise da súa obra poética.

Luís Rei Núñez, Manuel Á. Torneiro, Teresa Seara.

Presentación de "Onde Nunca é Mañá" en Portas Ártabras (A Coruña).

“Onde nunca é mañá” é o libro no que a escolla léxica é “máis radical” que noutros títulos anteriores. Álvarez Torneiro deléitase na linguaxe, celebra a riqueza das cousas pequenas, deita ledicia nas palabras. No seu tránsito polos ámbitos da desolación, o poeta achégase cun pouso reconfortante ao final: “Todo volta ser nada”.

O propio autor refírese a “Onde nunca é mañá” como un libro “debedor” do anterior, “Os ángulos da brasa”, que sumara o Premio Ánxel Casal de Poesía, o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Premio da Crítica Española e -como culmen do ronsel de recoñecementos- o Premio Nacional de Poesía.

Presentación de "Onde Nunca é Mañá" en Portas Ártabras (A Coruña).

Presentación de "Onde Nunca é Mañá" en Portas Ártabras (A Coruña).

“Eu habito na casa da memoria, con estancias tristes, sen luz”, explicaba Manuel Álvarez Torneiro, confesándose “nunca afeito ao barro da caída”.

“Volvo aos asuntos do corazón, volven as brasas cos seus ángulos, volvo ao rigorosamente humano” nunha obra que, segundo precisou o autor neste encontro é “un libro con moitos títulos, un libro interminable, que me descobre camiños novos”.

Teresa Seara, Manuel Álvarez Torneiro, Luís Rei Núñez.

Presentación de "Onde Nunca é Mañá" en Portas Ártabras (A Coruña).

A mirada e a memoria están presentes, a instrospección e o imaxinario, o encontro coas pantasmas do pasado. E a procura constante da beleza, bebendo das fontes dos seus referentes literarios: Pablo Neruda, Octavio Paz, Federico García Lorca… Sempre na reivindicación da poesía como “un xénero de rango superior”.

“O poeta é unha sensibilidade aberta á procura doutra sensibilidade aberta”, reflexionaba Álvarez Torneiro sobre a figura do escritor e do lector. E por que escribimos? “Eu escribo porque leo, porque penso, porque necesito ser querido, porque a vida non basta, porque teño que morrer”. Así sente o poeta.

Manuel Álvarez Torneiro, Premio Nacional de Poesía.

PRÓXIMAS PRESENTACIÓNS DA COLECCIÓN TAMBO DE POESÍA:

- "Estrela do norte", de Luís Rei Núñez: mércores 11 de xuño ás 20:00h no Pazo de Mugartegui, en Pontevedra.

- "Onde nunca e mañá", de Manuel Álvarez Torneiro, e "Estrela do norte", de Luís Rei Núñez: xoves 12 ás 20:00h na Libraría Couceiro, en Santiago.

Presentación dos novos poemarios da colección Tambo en Santiago: xoves 12 ás 20:00 horas.

Presentación OndeNunca-Estrela_Stgo_12xun14