Os centros escolares de Pontevedra que participaron na campaña de animación lectora O Cartafol do Lérez comezan a recibir hoxe o número cero do xornal escolar que recolle unha escolma dos traballos elaborados polos alumnos e alumnas nos obradoiros de escrita creativa que se realizaron nos CEIP de Barcelos, Vilaverde-Mourente, Cabanas-Salcedo, Manuel Vidal Portela, San Bieito de Lérez, San Martiño-Salcedo e Froebel. Editáronse 2.000 exemplares desta publicación, que tamén se pode consultar na páxina de Internet http://www.ocartafoldolerez.org.

Trátase dunha iniciativa impulsada dende a Concellería de Educación de Pontevedra e coordinada por KALANDRAKA para achegar os libros e a lectura aos escolares de Primaria. Durante o pasado mes de maio, uns 400 rapaces e rapazas participaron activamente nunha serie de actividades baseadas en experiencias literarias adaptadas ao ámbito xeográfico e histórico da cidade, e contextualizadas na dinámica de cada centro docente. Coas creacións do alumnado artellouse un xornal que, ao longo de diversas seccións, contén dende micro-contos, adiviñas e poemas, ata receitas de cociña imaxinarias, pasando por un roteiro creativo pola zona monumental da cidade, unha entrevista co ilustrador Xosé Cobas, unha reportaxe sobre a Salcedoteca, a biblioteca escolar do CEIP San Martiño de Salcedo, e mesmo fotografías dos obradoiros.

Precisamente, un dos obxectivos desta campaña é potenciar as bibliotecas escolares como “eixe vertebrador”, segundo Xosé Pérez, de KALANDRAKA, da actividade dos centros. Pola súa participación en O Cartafol do Lérez, os colexios están a recibir estes días cadanseu lote de 20 obras, con títulos como “Gramática da fantasía”, do pedagogo Gianni Rodari, álbums ilustrados de creación, libros de ciencias, de coñecemento do medio, ou de poesía. A partir das actividades realizadas, os promotores desta iniciativa pretenden “prender a chispa da creatividade” no alumnado, para que a experiencia de ler e escribir se prolongue no tempo.

Ademais de distribuirse gratuitamente nos centros educativos, o xornal tamén aspira a introducirse nos fogares, a través dos propios alumnos e alumnas, “traspasar as fronteiras da escola” e apostar pola “lectura en familia” de O Cartafol do Lérez “como reforzo positivo para achegarse ao libro e á lectura”, precisou Xosé Pérez.

Á parte da versión impresa, que pola limitación do espazo cínguese a unha escolma dos traballos redactados polos alumnos e alumnas, a páxina web de O Cartafol do Lérez permitirá difundir a meirande parte das creacións realizadas nos obradoiros. Trátase dunha ferramenta máis completa e dinámica que permite a participación dos visitantes, que poden enviar comentarios, dispoñer de máis información sobre os libros empregados na campaña, navegar polos contidos das diferentes seccións do xornal e tamén acceder aos blogues dos propios centros escolares.

O Cartafol do Lérez continuará a partir do mes de outubro con máis actividades. Inicialmente, a campaña no seu conxunto deseñouse para realizar uns 60 obradoiros nos que participen arredor de 1.500 nenos e nenas. O concelleiro de Educación de Pontevedra e os representantes de KALANDRAKA animaron os centros escolares a sumarse a esta iniciativa, que a partir do vindeiro curso virá acompañada de novos números da publicación impresa. Así, malia que está proxectado publicar dous xornais máis, cunha tiraxe de 2.000 exemplares cada un, non se desbota a posibilidade de ampliar as previsións.