O CARTAFOL DO LÉREZ, ENTREGADO NOS COLEXIOS DE PONTEVEDRA
A campaña O CARTAFOL DO LÉREZ vén de concluír unha nova etapa animando a ler e a escribir en galego. Máis centros educativos e máis escolares do Concello de Pontevedra sumáronse neste sétimo número aos obradoiros de creación literaria, facendo dos libros propostos un trampolín para a expresión das emocións dos nenos e das nenas, para canalizaren o seu potencial imaxinativo. As páxinas da edición impresa que ao longo destes días chegou aos colexios, son un petisco dos contidos que, con máis amplitude, se atopan na versión dixital (www.ocartafoldolerez.org) desta publicación impulsada pola Concellaría de Educación, en colaboración con KALANDRAKA.
Nos encontros cos autores Paco Nogueiras, Pablo Otero e Ramón Trigo alentouse o vínculo entre os creadores e os lectores, ao estaren fronte a fronte nun diálogo espontáneo. Nos obradoiros non faltaron o necesario o achegamento aos clásicos da literatura, nin as estratexias para estimular no alumnado a sensibilidade artística cun obxectivo común: elaborar novas historias, ben dende os textos, ben dende as imaxes. Procurando a innovación, desenvolvéronse orixinais prácticas, como as baseadas nos ideogramas, que abriron o abano creativo tamén ao eido plástico.
Unha aposta permanente de O CARTAFOL DO LÉREZ céntrase nas bibliotecas escolares, para que recuperen ou manteñan o seu protagonismo nas escolas, coa participación activa de toda a comunidade educativa. A biblioteca do CEIP Parada-Campañó foi a destacada nesta sección. Neste escenario levouse a cabo un dos actos de entrega do CARTAFOL ao alumnado de 5 e 6º de Primaria que participou nas sesións: xunto co exemplar do xornal, todos os participantes na campaña recibiron un libro de agasallo.
Chega este novo número de O CARTAFOL DO LÉREZ ás portas das vacacións para os escolares dos CEIP A Carballeira, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Manuel Vidal Portela, Marcón, Parada-Campañó, Pontesampaio, San Bieito de Lérez, Santo André de Xeve, Vilaverde-Mourente e do CEP Marcos da Portela. Coa colleita de textos destes rapaces e rapazas, a lingua galega tería garantidas moitas máis primaveras no horizonte. Cómpre acompañar esta vizosa canteira con accións que afasten os nubeiros que axexan ao lonxe.