"Non hai berce coma o colo", libro-disco de arrolos.

O libro-disco de arrolos "Non hai berce coma o colo" chegará ás librarías galegas en decembro. Trátase dun proxecto dirixido polos músicos e mestres Magoia Bodega e Paulo Nogueira, coa colaboración de destacados intérpretes do panorama artístico galego: Mini Rivas, Sonia Lebedynski, Merchi Rodríguez (Leilía), Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó, Segundo Grandío e Navia Rivas

Concebido como un agasallo para os bebés, esta obra reúne 15 pezas do cancioneiro tradicional que conforman unha viaxe musical pola xeografía galega, dende Viveiro a Domaio, pasando por Ribeira de Piquín. Cada un destes cantos de berce é unha xoia do noso patrimonio oral e musical; un legado -a voz da memoria colectiva- que cómpre recuperar e seguir transmitindo nos fogares aos meniños e meniñas.

"Non hai berce coma o colo", en Gráficas Anduriña (Poio).

Unha voz susurrante, unha melodía suave e o movemento acompasado foron dende tempo inmemorial a receita coa que adormecían os bebés, especialmente sensibles para captar esas sonoridades e abaneos envoltos de afectividade. O remedio aos medos, os desacougos e os choros está na tenrura destes cantos de berce, auténtica poesía infantil de tradición oral que achega os cativos ao mundo máis próximo, que lles proporciona ritmo prosódico e corporal, que lles transmite unha valiosa bagaxe para o seu crecemento persoal.

Mariona Cabassa ilustrou cada arrolo con escenas de intenso colorido, nas que destaca o protagonismo da natureza e da familia, na súa diversidade.

"Non hai berce coma o colo", ilustrado por Mariona Cabassa.

“Non hai berce coma o colo” presentarase publicamente en CulturGal, nun acto aberto a público adulto: domingo 7 de decembro ás 11:30 horas no Espazo Bebés, coa intervención de Magoia Bodega e Paulo Nogueira, entre outros colaboradores deste traballo.

"Non hai berce coma o colo" en CulturGal: domingo 7 de decembro ás 11:30h.