A biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) de Vigo acollerá mañá xoves, día 26, a partir das 19:00 horas, unha mesa redonda sobre ilustración, coa participación dos artistas plásticos que participan na exposición “Soños Ilustrados: Kalandraka, 12 anos de álbum galego”, que se pode visitar ata o 10 de xuño na sala de mostras da propia EMAO. Na sesión, aberta ao público, van participar Kiko Dasilva, Federico Fernández, Pablo Otero, David Pintor, Juan Rivas e Ramón Trigo.

Facer un percorrido pola traxectoria destes creadores galegos, abordar a súa relación coas empresas editoras, a proxección da súa obra dentro e fóra de Galicia, e analizar dende o punto de vista artístico os traballos que expoñen durante esta tempada no Espazo EMAO, son algúns obxectivos deste encontro cos lectores, que poderán entablar un coloquio cos ilustradores. Tamén se abordará a diversidade de estilos que desenvolven: obra pictórica, banda deseñada, collage, figuras tridimensionais ou técnica dixital.

Na exposición “Soños Ilustrados” -cuxos comisarios son Miguel Vázquez e Federico Fernández- están os bosquexos e os orixinais realizados polo artista vigués Ramón Trigo para “As luces que se acenden e se apagan” e mais a novela gráfica “O burato do inferno”, editadas polo selo Faktoría K, de Kalandraka. O ourensán Pablo Otero expón unha escolma dos ideogramas baseados no libro “Gramática da fantasía”, de Gianni Rodari, así como as letras de bronce modeladas para o libro de arte “ABCdiario”.

O coruñés David Pintor, que pertence ao dúo de humor gráfico Pinto&Chinto, asina as ilustracións do caderno de viaxe titulado “Compostela” e do libro de relatos “Contos para nenos que dormen deseguida”, galardoado co Premio Xosé Neira Vilas 2011 da Asociación Galega de Editores ao mellor libro infantil, e incluido na prestixiosa lista internacional ‘The White Ravens’ 2011. Do tamén humorista gráfico e ilustrador Kiko Dasilva pódense ver as montaxes tridimensionais elaboradas para os libros “A memoria das árbores” e “Moncho e a mancha”.

O pontevedrés Juan Rivas expón as ilustracións dos álbums infantís titulados “As fabas máxicas” e “Ire”. Pola súa banda, Federico Fernández participa na mostra coas ilustracións dos libros “Chibos chibóns” e “Onde perdeu Lúa a risa?”. Este último foi galardoado co 1º Premio Nacional de Ilustración 2001 e distinguido na selección ‘The White Ravens’ 2002.

“Soños Ilustrados” complétase cos traballos do ilustrador suizo afincado en Galicia, Marc Taeger, para os álbums de “Garavanciño” e “A verdadeira historia de Carapuchiña” (Premio Daniel Gil de Deseño Editorial 2005). Tamén inclúe a obra de Óscar Villán publicada nos libros “O coelliño branco” (1º Premio Nacional de Ilustración 1999) e “A cebra Camila”. Alicia Suárez asina a proposta estética de “A ratiña presumida”, que serviu para editar un libro da colección Makakiños adaptado á linguaxe de pictogramas SPC, e destinado a nenos e nenas con autismo e outras discapacidades intelectuais. E por último, as pezas de cerámica e esmalte do escultor Francisco Pérez Porto, que ilustran o libro-cd “Solaina” interpretado polo grupo Na Virada.