O ilustrador Kiko Da Silva finalizará os encontros do 'Mes de «Moncho e a mancha»' o mércores 29 de setembro na Libraría Paz (Peregrina, 29), onde asinará exemplares desta obra, que vén de cumprir o seu 20º aniversario estreando unha edición especial conmemorativa. As visitas do autor ás librarías de Pontevedra tamén se fixeron extensibles ao Espazo Lector Nobel, Seijas e Sant-Yago, que completaron a homenaxe ao autor con escaparates especiais.

Protagonizada por un neno entusiasta da pintura, esta divertida historia segue vixente dúas décadas despois da súa creación pola orixinal visión que achega arredor do mundo da arte contemporánea e de como interpretala. Tamén sobresae por ter presentado unha nova proposta gráfica a través de figuras tridimensionais tan chamativas como únicas, xa que cada ilustración é unha escultura feita con cerámica e cemento policromado.

Vinte anos despois, «Moncho e a mancha» segue sorprendendo a infancia e o público adulto pola súa frescura e colorido, afondando nos múltiples significados que pode ter un borrancho pintado accidentalmente nun papel en branco.

Licenciado na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Kiko Da Silva leva dende 1998 dedicándose profesionalmente á ilustración, á banda deseñada e á edición, como director e colaborador de varias revistas especializadas. Ten recibido, entre outros, o Premio Castelao de cómic. Na actualidade é o responsable da Escola Profesional de Banda Deseñada O Garaxe Hermético e realiza unha viñeta diaria en El Correo Gallego.