MANUEL ÁLVAREZ TORNEIRO, IN MEMORIAM
“Que estraña vista dende aquí a vida!
E foi tan só unha presa
de agostos e outubros repregados…”
[Fragmento do 'Estrañamente', en 'Os ángulos da brasa', Tambo, Faktoría K de Libros (2012)]
Manuel Álvarez Torneiro falaba a través dos seus versos. Veterano xornalista, fondamente culto, xesto sobrio e vida humilde, o seu vencello coa literatura foi tardío pero teceu a través da lírica un fío irrompible coa memoria, co pensamento, coa esencia. Inaugurouse a nova etapa da colección Tambo con “Os ángulos da brasa”, que volveu latir, tímido pero vizoso, na súa voz sabia e rouca; e os premios fóronse sucedendo coa mesma paciencia, dozura e amabilidade coa que atendía unha entrevista tras outra: o Ánxel Casal da Asociación Galega de Editoras, o da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o da Crítica Española e, como colofón, o Premio Nacional de Poesía que, por primeira vez, recaía nunha obra escrita en galego.
“Onde nunca e mañá” e “Rigorosamente humano” tamén atoparon abeiro na mesma república insular das letras, onde as súas lectoras e lectores -aferrados a ese sustancioso legado poético- perderan toda esperanza de que o autor prendese lume novo na escrita. Porque para Torneiro todo estaba dito.
Deixounos silandeiro, fiel á súa discreta existencia. Envolto nos recordos, nas ausencias e nos silencios, no desexo do imposible, na convicción do inconformista, na pícara mirada do neno eterno, na vertixe do amor e da beleza. “A poesía é un xénero de rango superior” e poucos, como Torneiro, o alcanzaron con tanta certeza, honestidade e coherencia.
Ata sempre, mestre.