LIBROS PARA SOÑAR retomará mañá venres, a partir das 18:30 horas, as sesións habituais de animación á lectura para público infantil e xuvenil. A programación desta nova tempada vai comezar centrada en libros sobre solidariedade e multiculturalidade, con motivo do Día Escolar pola Paz e a Non Violencia, que se celebra este vindeiro 30 de xaneiro. “Bailar nas nubes”, da autora e ilustradora arxentina Vanina Starkoff e editado por KALANDRAKA, foi finalista do III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado 2010. Trátase dun libro cun enfoque multidisciplinar: por unha banda, aboga pola convivencia e o respecto entre persoas de diferente procedencia; por outra, reflexiona sobre as relacións sociais e a compaña fronte ao aillamento individual e a soidade. 

 

  

As ilustracións de “Bailar nas nubes”, nas que destaca a presenza constante do folclore latinoamericano, son dun estilo étnico e naïf. As imaxes, luminosas e exóticas, complementan un relato sinxelo, a base de frases breves e descritivas. Durante as próximas semanas, a sala de sesións e de exposicións de LIBROS PARA SOÑAR vaise vestir cos cadros das figuras, dos personaxes e do intenso colorido deste libro. 

Vanina Starkoff estudou deseño gráfico na Universidade de Bos Aires. Adícase á ilustración dende 2005, tarefa que compaxina impartindo cursos sobre técnicas dixitais na escola de arte Sótano Blanco. Colabora con editoriais e revistas de varios países. 

Na sesión deste venres o repertorio de contos vai incorporar ademais o conto titulado “A banda de Vilacendoi”, do autor e ilustrador galego Xulio Gayoso, editado tamén por KALANDRAKA. Esta obra achégase aos fenómeno da emigración, da inmigración e do despoboamento do rural, ao tempo que tamén enxalza a integración social e racial, a recuperación das tradicións e a revitalización das aldeas. Na súa narración van intervir unha nai e un pai, que farán unha adaptación dramatizada e musicada con instrumentos de fabricación artesá. 

Para febreiro e marzo haberá novos enfoques das iniciativas previstas en LIBROS PARA SOÑAR: o mes próximo as sesións de contacontos estarán adicadas a homenaxear a figura do pedagogo italiano Gianni Rodari, autor de importantes clásicos da Literatura Infantil e Xuvenil moderna; e ao seguinte o eixe temático das actividades será a familia.

LIBROS PARA SOÑAR acollerá tamén sesións de contos específicas para bebés de cero a tres anos; a primeira, para o mércores 26 de xaneiro, a partir das 17:30 horas. E ademais, programaranse novos cursos dirixidos a adultos, entre os que destaca o de Teatro-Foro, do 14 al 17 de marzo. O prezo da matrícula é de 45 euros.