KALANDRAKA estará presente na Semana do Libro de Compostela (SELIC) dando a coñecer algunhas  das súas publicacións máis recentes, como “Cara de velocidade”, de Marga Tojo, que participará nun encontro co público este sábado 2 ás 13:30 horas na carpa instalada na Praza da Quintana. Tamén contará co músico Paco Nogueiras, que ofrecerá un mini-concerto co repertorio do seu novo libro-disco “Radio Bulebule” o luns día 4 ás 18:30 horas. Ademais, o sábado 9 ás 13:30 horas contará cunha representación do elenco do Grupo  Chévere para debullar as claves da Biblioteca de Teatro, cuxo primeiro título, “Río Bravo”, vén de recibir o Premio da Gala do Libro Galego 2018 ao mellor libro neste xénero.

 

Para a presentación deste sábado, a escritora e xornalista compostelá Marga Tojo recitará unha selección de textos da obra coa que gañou o X Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos. Tras recoller o galardón na vila natal do poeta Miguel Hernández no pasado mes de marzo e visitar posteriormente o Espacio Kalandraka de Madrid, Santiago será a súa primera cita literaria en Galicia coa edición do poemario na nosa lingua. A protagonista de “Cara de velocidade” é unha nena que -malia á adversidade- afronta a vida cotiá con humor, fortaleza e imaxinación.

No seu pulso pola liberdade, a pequena «H» é unha superheroína con superpoderes que dá “pasos de xigante” e ten a capacidad de converter a hora de comer nun xogo disparatado ou nunha festa con improvisados instrumentos musicais; ou facer que un incidente doméstico sexa a excusa para fantasear con fascinantes peripecias. As súas andanzas transcorren nunha cidade hostil coa infancia, tratando de atopar maxia no caos urbano e actuando á marxe das directrices que marcan os adultos.

Marga Tojo elabora divertidas metáforas baixo o punto de vista infantil e apóiase nunha lírica musical que bebe de voces contemporáneas como Patti Smith, The Rolling Stones, Nina Simone ou Fran Pérez Narf. Afincada en Madrid, a autora traballou tanto en prensa digital -Eldiario.es, Praza.gal e Galizaanocero.tv- como impresa -Galicia Hoxe, Revista Luzes, El Correo Gallego e Revista do Audiovisual Galego-. Foi co-fundadora do proxecto xornalístico Dioivo, ademais de ter participado no Festival Cineuropa, e formar parte do consello editorial de Altermundo.

As próximas actividades abranguen tanto o público infantil e familiar como os lectores adultos. Os primeiros poderán gozar da música e das cancións de Paco Nogueiras, que está percorrendo Galicia cos espectáculos de RADIO BULEBULE. O seu novo libro-disco, que volve contar co ilustrador David Pintor e co realizador audiovisual José Miguel Sagüillo, xira arredor do medio radiofónico. Os temas configuran a  programación dunha emisora, dende a sintonía de entrada ata a axenda cultural ou o magazine de variedades, pasando polo faladoiro, as noticias, a información deportiva e a previsión meteorolóxica, entre outros contidos.

Por último, Xesús Ron e outros integrantes do Grupo Chévere presentarán os primeiros tres volumes da colección Biblioteca de Teatro: “Río Bravo”, “Annus Horríbilis e outros musicais” e “Eroski Paraíso”. Esta iniciativa conxunta da compañía compostelá, con 30 anos de traxectoria sobre os escenarios, e de KALANDRAKA, que vén de cumprir dúas décadas de produción editorial, pretende documentar o teatro “feito a pé de escenario” e poñer a disposición do público as súas obras completas para seguir gozando delas cando se pecha o pano.

O stand da libraría El Faro de los Tres Mundos na SELIC acollerá a Marga Tojo, Paco Nogueiras e o Grupo Chévere ao remate de cada presentación para que os autores asinen exemplares das súas obras.