Comeza no Pazo da Cultura de Pontevedra unha nova edición de CulturGal, na que KALANDRAKA estará presente cun stand propio decorado cunha escenografía de homenaxe a Maurice Sendak e "Onde viven os monstros", a súa obra mestra que hai 50 anos foi galardoada coa Medalla Caldecott.

KALANDRAKA en CulturGal 2014.

Ademais dunha ampla selección de títulos en galego, entre os que destacan as novidades deste mes de decembro, no programa de actividades de CulturGal non faltan varias propostas de coñecemento e de lecer organizadas por KALANDRAKA:

* SÁBADO 6 ás 12:45 horas no Espazo Libros: Presentación de A CIDADE DOS NENOS, de Francesco Tonucci.

Coas tradutoras da obra ao galego, Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez; co pedagogo e autor do limiar, Antón Costa; co alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e co concelleiro de Ordenación do Territorio, Cesáreo Mosquera, para explicar a experiencia de Pontevedra como a única cidade galega adherida ao proxecto internacional impulsado por Tonucci.

"A cidade dos nenos", presentación en CulturGal: sábado 6 de decembro, 12:45h.

* SÁBADO 6 ás 18:30 horas no Espazo Infantil: espectáculo musical de Paco Nogueiras co repertorio do libro-disco BRINCA VAI!

Non faltarán cancións tan emblemáticas como "Nun libro", "Apertas que voan" ou "Meu o mundo é!". Será un concerto para toda a familia, moi participativo e en clave de humor.

"Brinca Vai!" con Paco Nogueiras: sábado 6 de deecmbro, 18:30h.

 * DOMINGO 7 ás 11:30 horas, no Espazo Libros: presentación do libro-disco NON HAI BERCE COMA O COLO, dirixido por Magoia Bodega e Paulo Nogueira, con ilustracións de Mariona Cabassa.

Os músicos e mestres Magoia Bodega e Paulo Nogueira, acompañados por Xosé Pérez, de KALANDRAKA, presentarán esta iniciativa de recuperación e posta en valor dos arrolos tradicionais, como elementos senlleiros do patrimonio oral e musical galego. Canda eles, Merche Rodríguez, de Leilía, que interpretou algúns dos cantos incluídos neste fermoso traballo, concebido para un agasallo para os bebés.

NON HAI BERCE COMA O COLO, en CulturGal.

Agardámosvos en CulturGal no stand nº27, situado no corredor central. O horario é venres e sábado de 11:00 a 21:00 horas. O domingo de 11:00 a 20:00 horas.

KALANDRAKA en CulturGal.