IV CERTAME DE RELATO CURTO ORGANIZADO POR FANPA PONTEVEDRA
[Presentación das bases do certame na Deputación de Pontevedra]
O vindeiro 15 de xaneiro abrirase o prazo -ata o 29 de febreiro- para presentar traballos ao IV Certame de Relato Curto que organiza a Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra. Hai catro categorías para participar: alumnado de Educación Primaria, de Secundaria, de Bacharelato ou Formación Profesional, e tamén poderán presentarse adultos (familiares ou profesorado dos escolares).
Os relatos, redactados en galego, terán unha extensión entre 200 e 300 palabras e estarán escritos en tipografía Times New Roman, cun tamaño de 12p. e interliñado de 1,5 liñas. Enviaranse por correo electrónico en formato .doc, .dcx ou .odt ao enrezo de correo electrónico [email protected].
O xurado elixirá as obras premiadas no mes de maio. O gañador ou gañadora de cada categoría recibirá un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada pola ilustradora Belén Padrón, autora do cartel desta cuarta convocatoria do certame.
Kalandraka editará un libro cos relatos gañadores e cos finalistas de cada categoría, ata un máximo de 120. A escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015, vai contribuír a esta obra colectiva cun texto elaborado expresamente para esta publicación. O Diario de Pontevedra tamén publicará os relatos gañadores e os finalistas na súa edición impresa.
Na presentación das bases do IV Certame de Relato Curto á que, xunto con responsables da FANPA acudiron representantes da Deputación de Pontevedra, do Concello de Pontevedra e de Kalandraka, salientouse a aposta pola creatividade do alumnado e pola promoción do uso da lingua galega nas familias. Tamén se destacou a oportunidade de que deste certame literario poidan saír algúns dos futuros escritores e escritoras do futuro.
Á pasada edición presentáronse 800 textos; unha cifra con tendencia á alza nos últimos anos. Coa finalidade de que as normas de participación cheguen aos centros de ensino públicos de toda a provincia, editáronse 100.000 marcapáxinas que incorporan un código QR no que se accede ás bases do concurso, que se poden consultar na web www.certame.nontedurmas.org
[Os ilustradores Pablo Otero e Marc Taeger foron os autores dos carteis das dúas últimas edicións]