“...Facemos un chamamento ás novas xeracións para revitalizaren e transmitiren o herdo da Resistencia e os seus ideais. Nós dicímoslles: tomade o relevo, indignádevos! Os responsables políticos, económicos e intelectuais, e o conxunto da sociedade, non deben renderse nin deixarse amedrentar pola actual ditadura internacional dos mercados financeiros, que ameaza a paz e a democracia”.   (Stéphane Hessel).

Indignádevos!", o opúsculo de Stéphane Hessel do que se venderon preto de dous millóns de exemplares en Francia e que vai saír publicado nunha vintena de linguas, poderase ler en galego coa edición que está a ultimar o selo editorial FAKTORÍA K para que estea no mercado nos primeiros días de marzo, ao prezo de 5 euros. O escritor Manuel Rivas asina o prólogo desta obra directa, reivindicativa e axitadora cuxo autor, un veterán supervivente da barbarie nazi, se dirixe -aos seus recios 93 anos- á sociedade en xeral, e á mocidade en particular, para que reaccione ante a inxusta realidade social, económica, política e medioambiental. A tradución de “Indignádevos!”, a cargo de Fernando Moreiras, complétase coa achega de Marc Taeger no deseño da capa.

 

 “...O primeiro valor do texto é ese rescate das palabras. Das palabras que denuncian o espolio da condición humana, a subtracción dos avances e conquistas sociais. E das palabras que nos convocan, que nomean, como a liberdade e a xustiza, os máis preciosos dons, e que constitúen o núcleo programático do que poderiamos chamar partido da humanidade. Esa dobre condición, a de denuncia, mais tamén de enerxía alternativa, é o que sitúa a Indignádevos! na estirpe dos mellores textos vindicativos, ese tipo de epístolas necesariasque a humanidade se dirixe a si mesma e intres históricos...”. (Fragmento do prólogo de Manuel Rivas).

Stéphane Hessel (Berlín, 1917) comparte cos lectores a súa intensa experiencia vital: dende a súa nenez en París, en contacto coas vangardas artísticas e ideolóxicas, ata a súa deportación aos campos de concentración alemáns de Buchenwald e Dora pola súa pertenza ao Consello Nacional da Resistencia francesa, pasando pola súa importante contribución á redacción da Declaración Universal dos Dereitos Humanos en 1948 a raíz da súa incorporación ao corpo diplomático. Os seus pensamentos son tamén unha enriquecedora lección de historia contemporánea, filosofía e política, con tintes de literatura e un fondo repouso de rebeldía.

Para Stéphane Hessel sobran os motivos para chamar á indignación colectiva, á desobediencia e á resistencia. Non contribuiu á loita que permitiu acadar tantas conquistas sociais na segunda metade do século pasado, para que todos eses avances se derrubaran dende a década do 2000 en diante. O autor culpa ao poder financeiro de devalar o equilibrio da democracia moderna, con todos os seus valores e principios, provocando unha crise no mantemento do estado do benestar, a desconfianza na independencia da prensa, unha crecente fenda entre os máis podentes e os máis necesitados, e os dramas humanos derivados dos conflictos internacionais.

Fronte ao egoísmo e a competitividade, Hessel entrégalles aos lectores as bandeiras da liberdade e do compromiso. As súas palabras cargadas de esperanza e de insurrección pacífica, son o antídoto contra a indiferenza. FAKTORÍA K únese a esta mensaxe coa publicación de “Indignádevos!” para inaugurar a colección Ágora K, na que se van ir incorporando obras clásicas e de pensadores actuais para axudar a entender o mundo de forma crítica.

“...Deséxovos a todos, a cada un de vós, que teñades razóns para vos indignar. É algo precioso”. (Stéphane Hessel).

“...A miña longa vida deume unha serie de motivos para indignarme”. (Stéphane Hessel).