Premiados na II Gala do Libro Galego 2017A II Gala do Libro Galego organizada pola Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia reuniu no Teatro Principal de Santiago a unha ampla representación de profesionais da literatura, da ilustración, da edición, da tradución, das librarías, do ensino... para asistir ao acto de entrega dos premios ás mellores publicacións nos distintos xéneros, iniciativas bibliográficas, de fomento da lectura ou de difusión cultural, entre outras categorías.

"Pola súa fluidez e narrativa do ilustrador; a súa plástica orixinal escapa da redundancia co texto, achegando un significado propio co seu deseño": así xustificou o xurado o galardón entregado ao artista Óscar Villán no apartado de Libro Ilustrado pola obra "Canta connosco!", un libro-disco que contén cancións infantís interpretadas polo grupo Migallas Teatro e que tamén incorpora videoclips dirixidos por José Miguel Sagüillo.

Óscar Villán recibiu o Premio ao Mellor Libro Ilustrado por "Canta connosco!"

Óscar Villán recibiu o Premio ao Mellor Libro Ilustrado por "Canta connosco!"Entre os premiados destacaron igualmente o ciclo Vermú entre libros impulsado pola Libraría Paz de Pontevedra, como mellor iniciativa cultural ou de fomento da lectura; e o escritor Xosé Monteagudo, autor de "Todo canto fomos", distinguida no apartado de novela.

Libraría Paz, Óscar Villán e Xosé Monteagudo, premiados na II Gala do Libro Galego 2017Na lista de nominados tamén se atopaba a tradución da obra de Francesco Tonucci "Cando os nenos din Basta!", realizada por Mónica Baleirón e Rut Vázquez.

Mónica Baleirón e Rut Vázquez, nominadas pola tradución de "Cando os nenos din Basta!".

Dende KALANDRAKA, parabéns aos autores e autoras premiados e os finalistas. Noraboa tamén ás secretarías técnicas da AGE, da AELG e da FLG polo traballo realizado para facer posible esta gala, que foi presentada por Iria Piñeiro e amenizada coa música do grupo De Vacas.

"Hai un ano as tres organizacións decidimos concentrar esforzos e aunar vontades co obxectivo de sumarnos ás celebracións do Día das Letras Galegas cunha Gala do Libro en Santiago de Compostela, para poñer en valor o labor do amplo colectivo de persoas que formamos a industria, e digo ben, a “industria” do libro galego. Esta iniciativa consolida a unión das tres asociacións e abre a porta á colaboración con outros colectivos cos que convivimos cordialmente: o dos ilustradores; o dos críticos; os do sistema bibliotecario; o dos tradutores; o do produto gráfico, nomeadamente imprentas; os mediadores e de defensa da lingua. 

Estamos xuntos nun acto que permite amosarlle á cidadanía a mellor faciana do “ecosistema” do libro galego. Unha comunidade que -non é nada novidoso dicilo- está a minguar de xeito alarmante.

Ficaron atrás os anos de bonanza; aqueles nos que soñabamos con ser un pequeno GRAN país de lectores e lectoras, cunha potente industria editorial. Un soño que puido facerse realidade. Foron os anos do final da década pasada, cando o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade a Lei do Libro e da Lectura. Hoxe Galicia está baixo mínimos, tanto en consumo de libros como en número de títulos publicados na nosa lingua. Agora somos un pequeno e CATIVO país de grandes lectoras.

Diante deste panorama, que podemos facer os actantes do libro galego?  Feita está a fotografía: case a metade da poboación nunca le libros. NUNCA! En ningunha lingua. E da outra metade, a das persoas que len, de cada 100 libros, 17 están escritos en galego, incluídos os libros de texto. Estamos perdendo lectores. E o que é peor: estamos a perder falantes. Esa é a razón pola que hoxe nos situamos na resistencia. Na resistencia cultural

Porque estamos a quedar sen alimento. Porque sabemos que a nosa lingua vai camiño de ser un envoltorio. Porque queremos que a lingua sexa tamén o pan, o leite, o viño… E o mar, a terra, o ceo, a lonxitude, a latitude, as derivadas, a robótica e o universo todo. A lingua galega é o noso sustento, pero pode chegar a ser tan só un substrato. Segundo alerta o mapa 1.5 do Atlas de la Lengua Española en el Mundo, publicado en marzo de 2016 pola Fundación Telefónica, a lingua galega é unha lingua ameazada. Ameazada pola perda de falantes, ameazada porque a mocidade abandona o noso idioma por consideralo inútil, ameazada porque os medios de difusión desprézana, ameazada porque a política lingüística deste país non dá cortado a hemorraxia.

Hoxe, por primeira vez no ciclo histórico, hai en Galicia menos persoas falando galego que castelán. Son datos publicados en 2014 polo Instituto Galego de Estatística. Se a lingua morre, morrerá tamén a escrita. Daquela desaparecerá o noso sistema literario e, pasado o tempo, as nosas verbas serán só cinza e lembranza dun pasado remoto. 

Pregúntase Hélia Correia, a nosa escritora galega universal, A literatura salva? Não, não salva. Mas se ela se extinguir, extingue-se tudo.  

E nós, profesionais da escrita, da edición, do comercio do libro; mais tamén da ilustración, do deseño, da industria gráfica, do sistema bibliotecario, do ensino, da cultura, da política… imos asistir resignados ao devalar contínuo do noso patrimonio cultural: a lingua e a escrita? …Non, non nos resignamos!

Tampouco se resignaron as amigas e amigos que hoxe estarían aquí acompañándonos, pero que foron deixándonos ao longo deste ano, quedando nós un pouco máis orfos. As súas palabras, as súas obras, fican, porén, na nosa memoria colectiva. Aínda que choraron un pranto cotián de bolboretas, non se conformaron, traballaron arreo consonte as súas conviccións e agora forman parte da memoria da nosa estirpe… Grazas a todos eles:

María Teresa Alvajar

Xosé Luís Laredo Verdejo

David Mackenzie

Fernando Acuña Castroviejo

Ángel Rivas Veiga

Fermín Bouza Álvarez

Fran Cortegoso

Sabino Torres

José Luis Sucasas

Miguel Suárez Abel

Agustín Fernández Paz

Paco Souto

…Que a terra lles sexa leve.

Nós tampouco nos resignamos e resistimos. Abofé que somos testemuñas dun proceso de extinción, pero non queremos ser mohicanos. Antes preferimos ser mapuches: sabedores de que a resistencia prolongada, a resistencia do vimbio, pode deter -e mesmo reverter- tendencias que semellan abocarnos a un camiño sen volta. Por iso seguimos a reivindicar o desenvolvemento íntegro da Lei do Libro e da Lectura aprobada polo Parlamento de Galicia o ano 2006. Unha Lei que algúns consideran obsoleta diante da nova realidade dixital, mais, por que non a actualizamos? Porque non a adecuamos aos tempos presentes? Por qué non convocar novamente o Consello Asesor do Libro para que poidamos avaliar e propoñer solucións diante desta crise da industria do libro galego? Se non actuamos xa, quizais no futuro se fale de nós como daquel exército que foi de vitoria en vitoria ata a derrota final.

…RESISTIR! Mais “resistir” non é sinónimo de “decaer”. Deixémonos de laídos e non perdamos a forza nin a cohesión. Tampouco o optimismo. Hai talento no país, hai imaxinación, hai alegría, hai audacia, hai industria. Poñamos pois os mellores recursos ao servizo dunha das tarefas máis fermosas que pode emprender calquera nación: camiñar cara a un país de lectoras, construír un país de lectores. Ler para comprender o mundo. Ler para facelo máis xusto, solidario e sostíbel.

[Fragmento da intervención do presidente da AGE, Xosé Ballesteros]

https://youtu.be/BpZ18j7zIvg

Parte do equipo de Kalandraka cos ilustradores Óscar Villán e Xosé Cobas

 

II Gala do Libro Galego 2017, presentada por Iria Piñeiro.II Gala do Libro Galego, amenizada polo grupo De Vacas