A Granxa de Briz, en Marín, acolle ata o día 16 deste mes a exposición das ilustracións dos contos que forman parte da campaña "Cantar e contar: ler na nosa lingua", que KALANDRAKA leva a cabo co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais das visitas que realizan os grupos de alumnos en horario escolar, a mostra tamén está aberta ás visitas do público en xeral no horario de apertura da Granxa, de 10 a 13:30 horas e de 16:00 a 19:30 horas.

Obras de Pérez Porto, Juan Rivas e Óscar Villán

A primeira parte da exposición son as pezas cerámicas do galego Francisco Pérez Porto para o libro-disco "Solaina", do que se toma a imaxe da campaña. Acompañan estas placas unha serie de instrumentos musicais e varios obxectos recuperados da cultura popular galega. Noutra das salas pódense contemplar os traballos do ilustrador marinense Juan Rivas para o álbum titulado "As fabas máxicas". Rivas estudou na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, completou a súa formación na universidade británica de Kingston e ten participado en diversas exposicións realizadas en Galicia, Madrid e Cataluña. En 2009 vai expór en Austria os seus últimos traballos.

Nese mesmo espazo tamén se poden contemplar as ilustracións do ourensán Óscar Villán para "O coelliño branco", polas que recibiu o 1º Premio Nacional de Ilustración 1999; é un dos libros máis internacionais de KALANDRAKA, editado en todas as linguas peninsulares e traducido a inglés e italiano.

Obras de Alicia Suárez, Miguel Tanco y Marc Taeger

Onda él, as ilustracións da pontevedresa Alicia Suárez para "A ratiña presumida"; un libro adaptado á linguaxe de pictogramas, en colaboración coa Asociación Bata de tratamento do autismo, para nenos con necesidades educativas especiais. Ademais, figuran cadros de Miguel Tanco para o conto "Os tres osos", reeditado co gallo do décimo aniversario de KALANDRAKA.

Por outra banda, destaca a obra de Marc Taeger, un deseñador suizo afincado dende hai anos en Marín. É o ilustrador do conto "A verdadeira historia de Carapuchiña", galardoado co Premio Daniel Gil 2005 de Deseño Editorial. Nesta outra sala están tamén as miniaturas de plastilina das pontevedresas Sofía F. Rodríguez e Ana Míguez para o libro "Os sete cabritos".

Obra de Josep Rodés e nenos do Colexio Sequelo

Por último, a mostra remata coas ilustracións de Josep Rodés para "Batalla de naipes", un libro que converte os naipes da baralla española en personaxes dun conto contra a guerra. Na sesión deste pasado xoves recibimos a escolares do Colexio Sequelo, que se deleitaron co son do acordeón e contos como o de "A ratiña presumida"...