Exposición de Francisco Pérez Porto no Museo Provincial de Lugo

Mañá, 10 de febreiro, a partir das 20:00 horas, inaugúrase na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos unha exposición sobre a obra cerámica de Francisco Pérez Porto. Entre as figuras expostas figuran as pezas que ilustran o libro-disco titulado “Solaina”, con música interpretada polo grupo Na Virada. A mostra permanecerá aberta ao público durante os próximos dous meses.

A directora do Museo Provincial de Lugo, Aurora Balseiro, o escritor e xornalista Ramón Loureiro, e o profesor e escritor Suso Torres valoran a traxectoria artística de Pérez Porto e recomendan encarecidamente a visita a esta mostra.

Portada e imaxes interiores de "Solaina", de Na Virada e Pérez Porto

"Este artista curtido na experimentación da materia, da forma e da cor preséntanos nesta sala de exposicións dependente do Museo Provincial de Lugo o seu traballo máis recente froito dunha plena madurez creativa, xunto con guiños a senlleiras obras anteriores para apreciar, máis que unha evolución, unha constante creativa. Nas obras destos últimos anos segue a mesturar esas influencias tradicionais coa arte contemporánea, aínda que el non está pendiente de tendencias porque o seu universo persoal xa está colmado de orixinalidade".

Aurelia Balseiro (Directora do MPL)

"... Tería eu agora, claro que si, a obriga de falar de Pérez Porto, dun dos máis grandes artistas galegos dedicados a converter a terra en luz, cunha certa contención. Sen me deixar levar polo entusiasmo e polo afecto. Pero non son quen de actuar así. Pode a emoción comigo, coma case sempre... Estou firmemente convencido de que a través da súa cerámica hai algo que, desde o Río Branco do Firmamento, nos revela unha Verdade Superior. Unha verdade que ten moito en común, como a ninguén se lle escapa, cun mundo no que todos os tempos son un eterno presente. Coa inmortalidade, por tanto. É dicir: coa transcendencia. O que amamos sobrevivirá na cerámica de Francisco, non me cabe dúbida ningunha de que iso só pode ser así...!!! (Porque no fondo está feita, claro, da inaprensible esencia do misterio)".

Ramón Loureiro

"...Daquela, a finais dos setenta, había como unha revalorización da cerámica popular galega, da nosa oleiría tradicional. Dende a de Buño á de Gundivós, da de Niñodaguia á de Bonxe. Algunhas desas vellas oleirías estaban a piques de desaparecer. Redescobríase, estudábase e valorábase unha faceta da nosa cultura popular que ata entón fora meramente utilitaria e que agora apreciábase como decorativa e mostra do xenio creativo do pobo. Facíanse mostras de cerámica, mercábase, mesmo íase alén Minho en percura das pezas da Ramalho… Nesas debeu ser cando Pérez Porto se iniciou no torno e afundiu as mans no barro para darlle formas novas que endexamais se viran entre nós. Dende entón percorreu un longo camiño que o levou a se convertir nun grande artista da cerámica. As figuras de Pérez Porto teñen o don de alegrar o mundo, de poñer unha nota de alegría nesta realidade nosa tan mesquiña e ruín. Mesmo as figuras ou grupos que representan inxustizas ou historias tristes amosan e transmiten no seu colorido e nas súas expresións un desexo ou anceio de felicidade. Por elas semella coarse unha fírgoa de esperanza e ledicia contida. Os nenos e nenas protagonizan moitos dos temas cerámicos de Pérez Porto. Son nenas e nenos ledos, felices, en harmonía coa natureza...".

Suso Torres

Textos de Aurora Balseiro, Ramón Loureiro e Suso Torres sobre a obra de Pérez Porto