Exposición de ilustracións da campaña "Cantar e contar" en Arteixo

Ata este sábado 14 de novembro pódense contemplar no Centro Cívico Cultural de Arteixo as ilustracións que compoñen a exposición “Cantar e contar: da tradición oral ao álbum ilustrado”, título da Campaña de Animación á Lectura que organizan o Concello de Arteixo, a Rede de Bibliotecas Municipais e KALANDRAKA. Unha exposición de artistas internacionais na que destaca a obra dos galegos Alicia Suárez, Federico Fernández, Francisco Pérez Porto e Pablo Otero. Está aberta ao público en horario matinal e as tardes do martes, mércores e xoves de 17:00 a 19:00 horas.

 

O elemento común á mostra é a tradición e os contos populares, como base sobre a que asentar a memoria colectiva. Alicia Suárez presenta as ilustracións do conto “A ratiña presumida”, un álbum editado por KALANDRAKA na colección Makakiños, dirixida a lectores con necesidades educativas especiais. Trátase de imaxes exentas de contido simbólico, para unha maior comprensión da linguaxe plástica.

Ilustracións de Alicia Suárez ("A ratiña presumida") e de Federico Fernández ("Chibos chibóns")

Federico Fernández, galardoado co Premio Nacional de Ilustración 2001, presenta “Chibos chibóns” con figuras expresivas nas que prima o sentido do humor e a diferenza de tamaño dos personaxes. Por outra parte, o artesán Pérez Porto asina as pezas cerámicas que ilustran o libro-disco “Solaina”; figuras de deseño tradicional, cheas de valor simbólico, nas que sobresae a súa luminosa gama cromática.

Pezas do artista plástico ourensán Pablo Otero

O artista plástico Pablo Otero, que impartiu os obradoiros de ilustración celebrados na primeira etapa da campaña, amosa unha escolma de obras, entre as que están as letras modeladas en bronce deseñadas para o libro “ABCdiario”, na colección ‘Alfabetos’ de KALANDRAKA. Nesta mesma sala tamén locen as figuras de plastilina de Sofía F. Rodríguez e Ana Míguez para o conto “Os sete cabritos”.

As pezas cerámicas de Pérez Porto para "Solaina" e as figuras de plastilina de "Os sete cabritos"

A exposición complétase coa obra do ilustrador suizo -afincado en Galicia- Marc Taeger, que gañou o Premio Daniel Gil coas ilustracións do álbum titulado “A verdadeira historia de Carapuchiña”; e do alicantino Pablo Auladell, finalista do Premio Nacional de Ilustración 2005. As súas ilustracións de “A casiña de chocolate” acompáñanse cunha reprodución -de gran formato e feita con cartón- da casa ilustrada por Auladell para este conto dos irmáns Grimm.

Ilustracións de Marc Taeger ("A verdadeira historia de Carapuchiña") e Pablo Auladell ("A casiña de chocolate")

Nas actividades concertadas participan máis de 900 escolares dos CEIP Ponte dos Brozos, Galán e Meicende, e das EEI de Larín, Rois e A Lagoa, Vilarodrís e Pastoriza. Tralos obradoiros de ilustración iniciais, esta semana programáronse sesións de contos e música para alumnado de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria. “Cantar e contar” rematará este sábado día 14, cun espectáculo musical e narrativo aberto ao público en xeral, a partir das 12:00 horas.