A colección de narrativa de FAKTORÍA K, selo editorial de KALANDRAKA, vén de incorporar este mes como principal novidade a novela titulada “A estrada”, do escritor norteamericano Cormac McCarthy. É a primeira vez que un libro deste destacado autor se publica en galego; Eva Almazán é a tradutora desta obra, galardoada co Premio Pulitzer de Ficción en 2007, co Premio James Tait Black Memorial en 2006 e finalista, nese mesmo ano, do Premio National Book Critics Circle.

“A estrada”, publicada por McCarthy en 2006, está considerada como unha das mellores novelas da literatura norteamericana contemporánea. Trátase dunha crónica conmovedora e impactante sobre o mundo posterior a unha catástrofe nuclear, reflectindo o mellor, e tamén o peor, da condición humana. Foi levada ao cine en 2009 polo director John Hillcoat; outros títulos deste escritor foron adaptados á gran pantalla, como “Non é terra para vellos” e “Todos os cabalos lindos”.

FAKTORÍA K seguirá enriquecendo o seu catálogo de narrativa en galego coa creación literaria de Cormac McCarthy, ao igual que ten editado sucesivas obras de escritores como Philip Pullman, coa triloxía “A materia escura”, ou Bernardo Atxaga, do que se publicaron “Obabakoak” e “Sete casas en Francia”. Precisamente, “A estrada” publícase de xeito simultáneo con outro libro do escritor irlandés John Boyne, tralo éxito de “O neno do pixama a raias”, que vai pola sétima edición en galego.

“Motín na Bounty”, traducida ao galego por Carlos Acevedo, é unha novela de aventuras ambientada nun feito histórico acontecido a finais do século XVIII e protagonizada por un capitán da Armada inglesa durante unha travesía polas augas do Pacífico. Este episodio, que xa fora narrado por outros escritores e do que se realizaron varias adaptacións cinematográficas, fai un reflexivo retrato da disciplinada vida no mar, coa ollada orixinal de John Boyne, quen presenta un complexo mundo dominado polo poder e pola ambición.