http://www.youtube.com/watch?v=IUWdq6jj26Y 

LIBROS PARA SOÑAR acollerá mañá mércores, a partir das 17:30 horas, unha nova sesión de contos para bebés de 0 a 3 anos de idade, que vai contar coa participación da multiinstrumentista buenense Nébeda Piñeiro, que acompañará as narracións a ritmo de acordeón. Os relatos de “Pequena Lúa”, de Elzbieta, “Lúa”, de Antonio Rubio e Óscar Villán, e “Onde?”, de Leo Lionni, forman o repertorio desta actividade, coa que se pretende achegarlles o libro e a lectura dende a primeira infancia.

A narración dos contos compleméntase coa interpretación de cantigas tradicionais, arrolos e retrousos que envolven a sesión nun clima cálido e acolledor ao longo dos 30 minutos que dura a sesión. Os pais e nais que acoden cos seus meniños e meniñas reciben asesoramento personalizado sobre as propostas de lectura máis acordes para cada etapa do crecemento.

Trala de mañá, a seguinte sesión de contos para bebés celebrarase o 23 de marzo. As sesións habituais de contacontos manteñen o seu horario, os venres a partir das 18:30 horas. Esta semana o lema da xornada vai ser ‘Casas de conto’, a partir da narración de “Unha casa a medida”, da autora e ilustradora alemana Daniela Kulot, cos personaxes de Xirafa a Crocodilo como protagonistas.

Por outra banda, finaliza o prazo de inscrición no curso de iniciación ao teatro-foro que vai impartir o grupo Feitoría Verde, do 14 ao 17 de marzo, de 17:00 a 20:00 horas. Está dirixido a educadores e profesionais do ámbito das relacións sociais, e abordará distintos mecanismos para facilitar a resolución de conflictos nas aulas, problemáticas asociadas ao funcionamento interno das asociacións, situacións de violencia ou de desvantaxe social, conflictos de xénero, problemas laborais ou accións de promoción do consumo responsable.