Concerto didáctico celebrado en Vigo a partir do libro "A banda de Vilacendoi"

Cada domingo, cando o tempo o permitía, a banda tocaba e,
como un recendo, as súas notas espallábanse no ar
resoando nas fondas carballeiras. E nos días de festa,
no abrente, voaban pasodobres e alboradas por riba dos lousados.
                                                           (‘A banda de Vilacendoi', de Xulio Gayoso)

A historia de "A Banda de Vilacendoi" soaba na voz de Sara, caracterizada coma unha velliña, mentres a Banda da Escola Municipal de Música de Vigo interpretaba pezas musicais que aderezaba a narración, a ritmo de saxofón, frauta ou clarinete, baixo a batuta de David Santiago. Aconteceu no Salón de Actos da Sociedade Cultural Helios de Bembrive.

No concerto da Escola da Banda Municipal de Música de Vigo non faltou a luz do candil

E entre o público, un invitado moi especial, o autor do libro, Xulio Gayoso, que se achegou ata o escenario para compartir cos todos os asistentes a súa experiencia na creación desta obra. Porque Vilacendoi existe, está a poucos quilómetros de Lugo, e os maiores da aldea non chegaron a gozar desta banda, pero oíronlles falar aos máis anciáns da súa boa sona.

O autor de "A banda de Vilacendoi", Xulio Gayoso, asistiu ao concerto

Este relato, a medio camiño entre a ficción e a realidade, é unha homenaxe a aquela vella banda e ás persoas que participaron coa súa música nas memorables noites de verbena. Ademais da saudade do pasado, este libro achéganos tamén ao concepto da multiculturalidade, ao introducir personaxes chegados de países lonxanos que conseguen facer rexurdir a banda de Vilacendoi do esquecemento.

Xulio Gayoso compartiu co público de Bembrive os segredos de creación de "A banda de Vilacendoi"