O propio libro-cd-dvd se define nas súas páxinas como “un delicado entramado de sentimentos”. Amizade, complicidade, ledicia… todos eles e moitas máis emocións fluíron a flor de pel no gran concerto dos “CoraSons” celebrado na Illa de Arousa, un ano despois da primeira xuntanza do numeroso grupo de artistas que conforman este fermoso proxecto, convertido agora nun libro-cd-dvd que xa navega, dende as rías galegas a todo o mundo: Galicia, Portugal, Brasil, Mozambique, Cabo Verde, unidos por lazos lingüísticos e culturais para achegar esta mensaxe de fraternidade a través do idioma universal da imaxe e da música.

O actor Carlos Blanco foi o mestre de cerimonias dun espectáculo no que una vintena de músicos e intérpretes subiron ao escenario.

...As irmás Ana Senlle, Chus Domínguez e Uxía, que prometen un disco conxunto para datas próximas; Magín Blanco, que contribuíu a enriquecer o disco con temas cargados de ritmo; Xoán Curiel e Najla Shami, que tinxiron de “vermello corazón” a todo o público; Pierre Aderne, que estreou aquí un novo traballo discográfico coa voz de Cristiana Águas como complemento ideal; Tatán Cunha, o titiriteiro-crooner máis carismático da nosa terra; a simpatía contaxiosa de Luanda Cozetti que, por primeira vez en público, cantou acompañándose coa guitarra para presentar unha emotiva composición inspirada no mar da Arousa e nos seus mariñeiros”; a cardióloga Belén Cid, que por esa noite non tivo que atender ningunha urxencia coronaria no “taller de corazóns”; Rui David, que uniu a calidez da súa voz coa de Isabel Leal; e o talento de Adrián Solla nos teclados, a percusión arquitectónica de Bruno Cardoso, o son do Morrazo coa frauta de Budiño, o toque brasilego de Sérgio Tannus na dirección musical, os acordes de Alfredo Teixeira, o latexo intenso do contabaixo de Pablo Vidal, e o redoble maxistral de Quiné Teles, que celebrou por anticipado o seu aniversario cunha nova pandeireta de orixinais ferreñas.

Todos eles comandados por Isaac Palacín e Dani Juncal dende a 'torre de control' do Auditorio da Illa.

Foi unha velada especial para os que aínda non se empaparan con esta marea de “CoraSons” e para os reviviron momentos máxicos; como a pequena Clara María, que aínda estaba no berce cando este proxecto abrollou coma un trevo ventureiro na primavera. Será para febreiro cando o público de Vigo e de Compostela teñan a oportunidade de compartir este feixe de afectos.