A XII Campaña Municipal de Animación á Lectura que organizan o Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA, chega estes días ao seu fin dende que, o pasado 16 de abril, comezaran a desenvolverse as sesións periódicas de contos e música para escolares, os obradoiros de escrita creativa e de ilustración, as sesións de contacontos para bebés e as xornadas formativas para adultos, ademais da exposición de ilustradores internacionais que aínda se pode visitar ata o 31 de maio na Galería Sargadelos, en horario comercial. Mañá sábado, a partir das 12:00 horas, realizarase a derradeira actividade aberta ao público: unha sesión especial de contos que estará amenizada polos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música.