"BRINCA VAI!": CONCERTO DE PRESENTACIÓN EN LUGO
"Brinca Vai!" xa está nas librarías galegas, agardando lectores que o leven á casa e á escola. Paralelamente ao lanzamento deste libro-disco, tamén se pon en marcha un amplo calendario de concertos de presentación por toda Galicia, coa participación do compositor e intérprete, Paco Nogueiras:
-Sábado 17 de maio ás 20:00 horas, na Feira do Libro de Lugo (Praza Maior).
-Venres 23 de maio ás 18:30 horas, na libraría LIBROS PARA SOÑAR de Vigo (Rúa Triunfo, 1).
-Sábado 24 de maio ás 13:00 horas, na Romaría do CEIP Ana María Diéguez, en Asados (Rianxo).
-Sábado 31 de maio ás 12:00 horas, na Galería Sargadelos de Santiago (clausura da XIV Campaña de Animación á Lectura).
-Domingo 1 de xuño ás 19:00 horas, na Feira do Libro de Vigo (Praza de Compostela).
-Venres 6 de xuño ás 19:00 horas, na Feira do Libro de Ourense.
-Venres 13 de xuño ás 19:00 horas, na Feira do Libro de Ferrol.
-Sábado 19 de xullo ás 19:00 horas, na Feira do Libro de Ribadeo.
-Sábado 26 de xullo ás 19:00 horas, na Feira do Libro de Rianxo.
-Venres 8 de agosto ás 19:00 horas, na Feira do Libro da Coruña.
-Xoves 21 de agosto ás 19:00 horas, na Feira do Libro de Monforte.
Con cada exemplar de "Brinca Vai!" os lectores poden conseguir tamén unha divertida careta de cartón para caracterizarse como o alter-ego de Paco Nogueiras: ese personaxe tan simpático, de gafas e cun chapeu azul enriba da cabeza.
E, a tres días do 17 maio e da celebración do Día das Letras Galegas, está dispoñible na rede o primeiro vídeo musical de "Brinca Vai!", coa canción "Meu o mundo é!". Trátase dun tema moi especial que pon en valor a cantidade de cousas que se poden facer na nosa lingua: ensino, ciencia, arte, literatura, industria... ningún sector está exento de desenvolverse en galego, ningún ámbito da vida cotiá é alleo á posibilidade de realizarse en galego. Porque como di o retrouso:
"En galego falo, en galego sinto,
en galego canto, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!
En galego leo, en galego escribo,
en galego bailo, sabes que non minto.
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo...
Meu o mundo é!"
Na gravación deste videoclip interviu Paco Nogueiras coa colaboración de moitos amigos e amigas, entre eles o ilustrador de "Brinca Vai!", David Pintor. Detrás da cámara e na montaxe audiovisual, Sr. Sagüillo, que dirixe todos os vídeos musicais. E o escenario, as rúas, prazas e xardíns da fermosa Boa Vila de Pontevedra.