Indo eu, indo eu a caminho de Viseu.

Encontrei o meu amor.

Ai, Jesus, que lá vou eu...

("A caminho de Viseu", peza tradicional do Norte de Portugal)

O Fórum da Fnac na Coruña foi o escenario e a pista de baile multitudinaria do concerto de presentación do libro-cd-dvd “Na punta do pé”, co grupo Pesdelán. Nun dos seus poemas, Uxío Novoneyra dicía: “Bailas e faisme libre...”. O público que asistiu e participou nesta festa da música e da danza, cantou e bailou para ser libre e para ser feliz. “Na punta do pé” recupera cantos e bailes do folclore tradicional galego, portugués e mirandés, ao tempo que anima os espectadores a deixarse levar pola melodía e a moverse seguindo unhas sinxelas indicacións, a base de xogos e retrousos. “Na punta do pé”, editado tamén en portugués co título “Pezinhos de lã”, é unha mostra do noso patrimonio cultural inmaterial que merece un lugar destacado no andel da casa, na biblioteca pública e tamén na escola, como complemento das clases de educación musical.