Os músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández van ser os invitados especiais da sesión de bebés de mañá, mércores 1 de xuño, a partir das 17:30 horas en LIBROS PARA SOÑAR. Presentarán o seu disco “Arrolos de salitre”, unha compilación de once cantigas de berce tradicionais e novas composicións creadas para meniños e meniñas, do que van interpretar unha escolma de temas ao son da guitarra e do acordeón.

Para este traballo, Xabier Díaz e Guillerme Fernández -integrantes do prestixioso grupo Berrogüetto- contaron coas voces de varios artistas galegos: Davide Salvado, Jara Ortiz, Xoán Curiel, Alba Gutiérrez, Fani Otero, María Xosé Silvar, Carlos Álvarez, Diego Calviño e Uxía Cribeiro, do grupo Pesdelán (“Na punta do pé”, editado por KALANDRAKA).

“Arrolos de salitre” complétase con textos do propio Xabier Díaz, Carlos Rivero e Lupe Gómez, coa achega de músicos como Quim Farinha, Pedro Lamas e Suso Iglesias, máis os deseños de Nébeda Piñeiro, quen tamén forma parte do grupo de animación á lectura de KALANDRAKA.

Trátase da quinta publicación do selo discográfico “Músicas de salitre”, do que Xabier Díaz e Guillerme Fernández son promotores. O coruñés Xabier Díaz é cantante, compositor e investigador do folclore galego. Foi mestre de música e baile tradicional galego e dende 1995 participou na publicación de varios discos, uns como integrante do grupo Rumbadeira, do que foi fundador, e outros en colaboración con Guillerme Fernández. Compositor, arranxista e intérprete de Berrogüetto dende os inicios da banda, Guillerme Fernández destaca non só polas súas colaboracións con grupos e artistas galegos, senón tamén polas súas inquedanzas culturais e sociais. Dende 2006, ambos conducen conxuntamente o programa musical “Tres peixes voando”, na Radio Galega.

As sesións de bebés que organiza LIBROS PARA SOÑAR están especialmente deseñadas para nenos e nenas de cero a tres anos de idade. O obxectivo desta actividade é achegalos ao libro e á lectura dende unha idade temperá, recorrendo a elementos da tradición oral, como cantigas, arrolos ou retrousos; e valéndose de recursos visuais chamativos e cercanos para eles, que potencien a súa percepción polos sentidos.