– Callie Vee –díxome–, téñoche unha cousa para ti. –Foi ata a súa mesa e sacou un caderniño forrado de coiro vermello que puña Recordo de Austin na tapa–. Mira –dixo–. Nunca o usei. Podes empregalo para anotares as túas observacións científicas. Ti vas para naturalista.

E que era exactamente un naturalista? Eu non o tiña claro, pero decidín facer de naturalista o resto do verán. Se só consistía en ir anotando todo o que vía arredor de min, entón sabía facelo. Ademais, agora que tiña onde anotar todo, empecei a ver cousas nas cales non reparara antes. As primeiras anotacións que tomei foron sobre os cans. Por culpa da calor, quedaban deitados na terra coma se estivesen mortos...

A evolución de Calpurnia Tate”, de Jacqueline Kelly, conta a historia dunha nena de case 12 anos -a máis nova de sete irmáns- no seo dunha familia acomodada nunha pequena vila de Texas. Investigando nos libros da biblioteca e facendo ensaios nun pequeno laboratorio, achegarase á figura e aos descubrimentos revolucionarios de Charles Darwin. Trátase dunha novela xuvenil, extensible ao interese dos lectores adultos, polo que se axusta ao concepto actual de crossover. Carlos Acevedo é o seu tradutor en lingua galega.

Transcorre no ano 1899, unha época na que as nenas eran educadas para ser señoritas de boas maneiras e desenvolverse unicamente no fogar: cociñar, coser e limpar a casa eran as principais obrigas das mulleres nunha sociedade na que, o máis ocioso que se lles reservaba era tocar o piano e comportarse con rigorosa corrección. A inconformista Calpurnia rebélase contra ese destino predeterminado para buscar a súa propia identidade e formarse segundo as súas inquedanzas intelectuais e científicas: ir ao río, observar a natureza e recoller mostras que logo analizará coa axuda do seu avó librepensador, o único familiar que apoia a súa curiosidade polo mundo e que lle obsequia un exemplar de “A orixe das especies” e un caderno para que aprenda a aplicar o método científico ás súas observacións.

A obra tamén aborda cuestións do ámbito familiar, en especial a relación da protagonista cos irmáns: o amor e o desengano, as trasnadas xuvenís e os pequenos conflictos da vida cotiá.

Jacqueline Kelly (Nova Zelanda, 1964) pasou a súa nenez en Canadá, país ao que se mudou coa súa familia ao pouco de nacer. Os bosques de Vancouver Island foron o escenario dos seus xogos infantís; unha experiencia que marcaría o seu apego ao medio natural. Actualmente vive en Texas, entre a cidade de Austin e a campiña de Fentress. Estudou Medicina en Galveston e Dereito na Universidade de Texas, exercendo tanto de doutora como de avogada durante varios anos antes de adicarse á literatura. “A evolución de Calpurnia Tate” foi a súa primeira novela, publicada en 1999. A obra deseguida conseguiu o recoñecemento do público e da crítica: gañou o Premio Newbery Honor e o Bank Street-Josette Frank Award en 2010.