A obra "Os ángulos da brasa", de Manuel Álvarez Torneiro, publicada no selo FAKTORÍA K de KALANDRAKA, foi galardoada co Premio Ánxel Casal ao libro de Poesía 2012, concedido pola Asociación Galega de Editores na VIII Noite da Edición. Tamén foi distinguido o poemario "Alén da fronteira. Sete poetas vascos", que obtivo o Premio Lois Tobío de Tradución, un traballo de Isaac Xubín, que verqueu ao galego os versos en éuscaro de Luigi Anselmi, Bernardo Atxaga, Jon Gerediaga, Tere Irastortza, Xabier Lete, Xabier Montoia e Joseba Sarrionandia.

"Os ángulos da brasa" e "Alén da fronteira" son os dous primeiros poemarios da colección Tambo -que dirixe Luis Rei Núñez- na súa nova etapa no catálogo de Faktoría K. A estes sumouse "Tríptico", de Antoni Marí. O poeta coruñés Xavier Seoane será o autor do cuarto volume desta serie que, como explicou Luis Rei Núñez na entrega dos premios, pretende contribuír ao "diálogo entre as linguas peninsulares".