A cuarta edición de “Indignádevos!” (FAKTORÍA K), de Stéphane Hessel, con tradución de Fernando Moreiras, chegará ás librarías en próximas datas. Dende o seu lanzamento, o pasado mes de marzo, a produción deste título acadou os 7.000 exemplares. “Indignádevos!” ocupa actualmente a lista dos libros en galego máis vendidos, segundo as principais librarías. A continuación, algunhas valoracións da obra, por parte da crítica especializada: 

Xesús González Gómez (en http://www.anosaterra.org): “Indignádevos!", de Stéphane Hessel (Faktoría K), é un libro que non deixa indiferente e que logrou poñer na boca da xente termos como activismo, militancia e compromiso”.

Ramón Nicolás (en Caderno da Crítica): “...Un libro que non teño reparo en cualificar como histórico, por vir da man dunha persoa que posúe unha biografía exemplar e exemplarizante, chea de luces e sen posíbeis sombras, por retratar criticamente un tempo como o actual e porque se erixe, por dereito propio, nunha das propostas de pensamento e reflexión que resulta ineludíbel ler, hoxe por hoxe, para poder debater e actuar”.

Francisco Martínez Bouzas (en Novenoites): “...Tivo que ser un home de 93 anos, veterano supervivente da barbarie nazi, fillo da Resistencia francesa e redactor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, Stéphanne Hessel, quen intente espertarnos do marasmo fatalista e da confianza. Nun “opúsculo – alegación” que está a revolucionar o panorama literario e intelectual en Francia, convócanos a todos, e sobre todo á xuventude, para que cambiemos a indiferenza pola indignación e pola insurrección”.

Cipriano Luís Jiménez Casas (no Faro da Cultura, Faro de Vigo): “...Libro rebelde onde os haxa, invítanos a sublevarnos contra a submisión ás ditaduras dos poderes financeiros. Segundo Hessel, o peor inimigo co que podemos dar non é outro que o da resignación”.