15 de xullo de 1885: cúmprense 125 anos da morte de Rosalía de Castro, poeta galega por antonomasia e símbolo cultural imperecedeiro. A artista Belén Padrón ilustra os versos do libro “Rosalía de Castro, Escolma Poética”, publicado na colección Trece Lúas de FAKTORÍA K. O escritor Xesús Alonso Montero esboza a figura desta muller senlleira, sensible e loitadora:

“...Poeta con varios poetas dentro, escritora de expresión rica en rexistros, musa polifacética, espírito torturado, voz reveladora en tantas ocasións...” (fragmento da semblanza publicada na páxina web da Fundación Rosalía de Castro e no libro “Rosalía de Castro, Escolma Poética”, de FAKTORÍA K).

TAL COMO AS NUBES

Tal com’as nubes

Qu’impele o vento,

Y agora asombran, y agora alegran

Os espaços inmensos d’o ceo,

Así as ideas

Loucas qu’eu teño,

As imaxes de múltiples formas,

D’estranas feituras, de cores incertos,

Agora asombran,

Agora acraran

O fondo sin fondo d’o meu pensamento.

(Rosalía de Castro, “Follas Novas”)

Poema incluido no libro “Rosalía de Castro, Escolma Poética”, ilustración de Belén Padrón (FAKTORÍA K DE LIBROS, 2008)