LIBROS PARA SOÑAR vén de cumprir o seu 11º aniversario e vaino celebrar cos lectores, ao longo de toda esta semana, con actividades especiais de promoción e de animación á lectura. Para mañá, mércores día 27 ás 17:30 horas, está programada unha sesión de contos para bebés de cero a tres anos. O venres 29 ás 18:30 horas, os nenos e nenas a partir de catro anos serán os protagonistas da sesión habitual de animación á lectura, na que se sortearán varios lotes de libros. Durante estes días, tamén se van aplicar descontos pola compra de libros.

Unha das novidades que incorpora a libraría para intensificar a súa relación cos lectores, é a creación da páxina LIBROS PARA SOÑAR en Facebook. Coa súa incorporación ás redes sociais, LIBROS PARA SOÑAR dótase dunha ferramenta máis para seguir contribuindo ao dinamismo comercial do Casco Vello vigués.

A sesión de contos para bebés de mañá mércores é unha iniciativa coa que LIBROS PARA SOÑAR pretende asesorar a nais e pais na procura de materiais idóneos para achegar os meniños ao libro e á lectura dende unha idade temperá. A través de cancións, retrousos, contos rimados e libros de tea ou cartón con ilustracións ben definidas e cores vistosas, os nenos e nenas asimilan coñecemento do seu contorno inmediato, ademais de fortalecer a afectividade cos adultos que os acompañan. Nesta ocasión, a sesión de contos para bebés contará con Iria Mantilla, narradora e experta en Educación Infantil, como invitada especial.

http://youtu.be/IUWdq6jj26Y

Tampouco faltarán as sorpresas na sesión de animación á lectura do venres: LIBROS PARA SOÑAR recibirá invitados especiais, haberá contos con acompañamento musical, e todos os nenos e nenas axudarán a soprar as 11 velas da tarta de aniversario.

Neste último ano, a libraría especializada en Literatura Infantil e Xuvenil programou actividades que permitiron difundir a obra e a figura de autores e ilustradores clásicos e contemporáneos como Leo Lionni, Quentin Blake, Gianni Rodari ou Fernando Khran. Recibiu a visita de autores como Toño Núñez, Susa Herrera ou o grupo Barafunda, que presentaron os seus libros. Tamén organizou cursos de teatro-foro e de voz, dirixidos a profesionais do ensino, bibliotecarios e animadores socioculturais. A sala de LIBROS PARA SOÑAR acolleu exposicións de ilustracións para inculcarlles aos lectores o aprezo polas producións artísticas.

En próximas datas LIBROS PARA SOÑAR acollerá a presentación do libro “O meu gato é un poeta”, do vigués Fran Alonso, acompañado polo músico Xurxo Souto. Tamén recibirá o grupo de teatro Migallas para presentar “Un avó especial”, con motivo do Ano do Alzheimer.