ACTIVIDADES EN CULTURGAL

Dende o venres 29 de novembro ata o domingo 1 de decembro celebrarase a décimo sexta edición de Culturgal, que terá lugar no Recinto Feiral de Pontevedra (Rúa de Alexandre Bóveda, s/n). Para esta ocasión, KALANDRAKA ten programadas diversas actividades, entre presentacións literarias, encontros e sinaturas con autores e autoras no stand (nº 31-32) da editorial.
A axenda ábrese o propio venres día 29. A partir das 18:00 horas, no Escenario B, a escritora Fina Casalderrey e o ilustrador Xosé Cobas presentarán unha nova edición da obra «Filla das ondas», acompañados polo concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, e pola xornalista María Varela. Tras a presentación, ambos os autores asinarán exemplares do libro no stand de KALANDRAKA a partir das 18:45 horas.
A participación de KALANDRAKA en Culturgal continúa o sábado día 30 coa ilustradora Lucía Cobo, que ás 12:30 horas visitará o stand da editorial para asinar as obras «Osa» e «Continente animal».
Ás 13:00 horas, no Escenario B, a autora Tereixa Constela conversará co xornalista Ramón Rozas sobre «Abril é un país», un ensaio sobre a Revolución dos Caraveis. Logo deste encontro, a autora asinará exemplares do libro no stand de KALANDRAKA.
Tamén á unha do mediodía, a fotógrafa Maribel Longueira estará no stand da editorial para asinar exemplares da obra «Papagaio», con versos de Luísa Villalta.
Na sesión vespertina, o stand de KALANDRAKA acollerá así mesmo varias sinaturas. Ás 18:00 horas, o músico Paco Nogueiras e o ilustrador Marc Taeger asinarán as súas obras, entre as que se encontran os libros-disco «Son animal» e «Extra!».
A partir das 18:30 horas, o poeta Antonio García Teijeiro asinará exemplares de «Versos e viceversos» e «Os ecos do vento», a súa publicación máis recente.
A tamén poeta Rosalía Fernández Rial porá o peche á xornada do sábado e asinará a partir das 19:00 horas o poemario «De centeo e durmideiras», publicado en edición bilingüe no selo Cuatro lunas.
O domingo día 1, o ilustrador Ramón Trigo visitará o stand de KALANDRAKA a partir das 13:00 horas para asinar «O pirata pata de lata» e «Labirinto. Diario de viaxe dun artista monocromo», o seu último libro.
Ás 18:00 horas, no Escenario B, o autor e artista multimedia Antón Reixa ofrecerá un recital poético da antoloxía «Enciclopedia perplexidade». Posteriormente, ás 18:30 horas, trasladarase ao stand de KALANDRAKA para asinar exemplares desta obra e tamén de «Melancoholemia», publicadas ambas na colección Rizomas de FAKTORÍA K.
Por último, a partir das 19:00 horas, o Grupo Chévere asinará no stand da editorial a autobiografía «Chévere 1987-2022, trinta e cinco anos de axitación cultural», así como as obras da colección Biblioteca de Teatro de KALANDRAKA.