Filla das ondas
Unha forma diferente de coñecer Pontevedra, a súa historia, as súas lendas e o seu patrimonio, a través do misterio e da aventura.
A historia de Pontevedra entre o medievo e a actualidade, a admirable recuperación do casco histórico e o seu revolucionario modelo urbán afloran neste relato fantástico; unha onírica viaxe no tempo cunhas espectaculares ilustracións que realzan a beleza da cidade e permiten coñecela dun xeito diferente e atractivo.
Recén chegado a Pontevedra, a onde se mudou coa súa familia, Froiaz escríbelle a un amigo queixándose de que aborrece a cidade. Mais nunha noite máxica de San Xoán cambia por completo esa percepción ao percorrer as prazas e as rúas máis emblemáticas da man de Mariña, unha misteriosa rapaza que lle mostra como foi evolucionando a Boa Vila: dende os séculos XV e XVI coa Feira Franca, a muralla que rodea a vila señorial e o esplendor do barrio mariñeiro da Moureira, ata os séculos XIX e XX cando os protagonistas se encontran co pirata Benito Soto, co boticario Perfecto Feijoo e o seu loro Ravachol, e mesmo cos intelectuais Alexandre Bóveda e Castelao. Todo tipo de acontecementos sociais e culturais, anécdotas e curiosidades, lendas e tradicións, artéllanse con mestría nesta divertida e trepidante aventura na que “as pedras cóntannos moitas cousas”.
25 anos despois da publicación de «Filla das ondas», este texto de Fina Casalderrey actualízase para dar conta da transformación de Pontevedra e seguir poñendo en valor a memoria do pasado, agora cunhas novas ilustracións de Xosé Cobas, de abraiantes arquitecturas, nas que o detallismo das pinceladas -cun especial tratamento da luz- contrasta cos trazos bosquexados.
Unha obra de estrutura circular na que os saltos temporais dotan de dinamismo unha narración vibrante a base de intensos diálogos e descricións de tipo costumista, con hábiles recursos ao xénero epistolar e os contos marabillosos a través dunha mítica figura, a serea, tan presente na heráldica da cidade.
Otros idiomas: