Versos e viceversos

Un diálogo poético a dúas voces (e un pincel). Versos do norte e versos do sur que van e veñen como as ondas do mar, que testemuña o seu intercambio literario e lingüístico.

Dous poetas, o galego Antonio García Teijeiro e o andaluz Juan Carlos Martín Ramos, unen as súas voces amigas nesta obra coral á que se suma o ilustrador Juan Ramón Alonso, artesán da imaxe gráfica que potencia o lirismo destes versos. Versos que saben, arrecenden e soan a mar, para contemplalo e soñalo: vento, ondadas, caracolas, horizontes lonxanos, noites e lúas. Os autores trenzan os seus pensamentos e emocións nunha rede de palabras irmanadas polas súas linguas de orixe: cada poema vai precedido dunha entradiña que alterna o galego e o castelán, inspirando outros versos no idioma contrario a modo de réplica literaria. Ese diálogo cultural trascende ao íntimo cando o poeta conversa consigo mesmo a través do seu caderno, invoca recordos de infancia, a súa identidade e raíces; mais tamén é un diálogo que se proxecta máis aló das páxinas do libro, interpelando os seus destinatarios.

Velaí a faceta social destes “Versos e viceversos” condenando a guerra e o deterioro do planeta, estrañando os contos de antano ou facendo un eloxio da lectura. Tampouco falta a dimensión lúdica que propón conquistar o reflexo da lúa na auga ou descifrar unha carta en branco. Porque o clasicismo formal destes poemas non é uniforme; as estruturas modernízanse e alixéiranse, conservando a intensidade poética.

Porque o clasicismo formal das ilustracións figurativas -lapis de cor e suaves acuarelas- contrasta co seu calado simbólico. E ambos elementos, textos e imaxes, son a chave da memoria.
Leer más
Leer menos
16,00 €

Otros idiomas: