FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA: MARC TAEGER

FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA: MARC TAEGER

A caseta da libraría Galgo Azul na Feira do Libro da Coruña recibe o venres 2 de agosto ás 18:30 horas o ilustrador Marc Taeger para asinar exemplares das súas obras. «Son animal» é o título máis recente da súa extensa bibliografía no catálogo de KALANDRAKA. É o seu segundo libro-disco co músico Paco Nogueiras, despois de «Extra!». A presenza de Marc Taeger na Feira coincide coa de Paco Nogueiras, que ás 17:30 horas ofrece un concerto de presentación dalgunhas das cancións deste novo traballo, protagonizadas por animais domésticos e silvestres que habitan no medio rural.

As ilustracións, a base de trazos grosos, fondos coloridos e luminosos que acentúan os riscos característicos dos animais, reforzan o sentido do humor e o afecto que inspiran os intérpretes desta singular orquestra.

Ademais, Marc Taeger dedicará exemplares doutros títulos como «O elefante que perdeu o seu ollo», un conto tradicional africano adaptado por Boniface Ofogo; «Garavanciño» e «Un máis», con textos de Olalla González; «Aquiles o puntiño», escrito por Guia Risari; «Elefante comellón», de Rafa Ordóñez; ou «Artur», de Xosé Manuel González Oli. Afincado dende hai anos en Bueu, o artista suízo ten publicados unha ducia de libros en KALANDRAKA. Por «A verdadeira historia de Carapuchiña», recibiu o Premio Daniel Gil 2005 nas categorías de ilustración e deseño. Tamén se dedica a realizar pintura mural, escultura e animación. Expuxo a súa obra en Luxemburgo, Alemaña, China, Francia e Costa Rica, entre outros países.

August 2 2024

Detalles

Comienzo: August 2, 2024, 6:30 PM
Fin: August 2, 2024, 7:30 PM
Dirección: Xardíns de Méndez Núñez

Sede

Feira do Libro da Coruña

+ Google Map