Os contos da avoa Pepa

Memoria entrañable que afonda no corazón.

Os contos da avoa Pepa” atesoura a memoria dos nosos maiores, dun pasado con menos comodidades e sen os adiantos tecnolóxicos de hoxe en día, pero fala dunha Galicia coa autenticidade e co encanto da paisaxe e da paisanaxe rural; dun tempo no que as historias pasaban de avós, a fillos, a netos, xeración tras xeración; dos contos de fórmula, das diviñas, das cantigas e dos xogos tradicionais, das fábulas; do entusiasmo dos cativos gozando cunha sinxela caixa de pinturas. Mais “Os contos da avoa Pepa” tamén trae recordos agres da emigración, das guerras e da represión... Francisco Fernández Naval convértese en transmisor dun legado de valor incalculable que trascende o plano da oralidade para ficar por escrito. Son palabras cheas de nostalxia e de afecto, portadoras dunha potente carga evocadora dos sentidos e dos sentimentos, que se deleitan na descrición detallada dos lugares, dos diálogos; relatos de antano como bálsamo contra o esquecemento.

O cromatismo e a luminosidade das ilustracións de Manolo Figueiras reforzan a mensaxe desta obra sobre un mundo marabilloso no que todo podía e debía ser contado, tamén o misterioso e o inverosímil, o fantástico, o triste e o alegre. Son imaxes de estilo naíf con calado simbólico e intimista nas que a figuración humana convive coa contorna recreada: un suave realismo mestúrase coa abstracción e cos xogos xeométricos, en planos superpostos.
Leer más
Leer menos
15,00 €