Unha última carta
As palabras pode levalas o vento ou, no caso desta fermosa historia, un amable carteiro. No seu derradeiro día de traballo, agárdalle unha experiencia inesquecible.
“Unha última carta” transpórtanos a unha pequena e fermosa illa mediterránea cuxos habitantes teñen a fortuna de contar cun amable carteiro. Máis de 50 anos de servizo chegan ao seu fin nunha derradeira xornada de traballo que resultará inesquecible para todos. Empregando unha linguaxe poética e metafórica que xoga cos contrastes, Antonis Papatheodoulou presenta unha entrañable e emotiva homenaxe ao vello oficio de repartir cartas: o protagonista é un mensaxeiro vocacional, comprometido co valioso material que transporta na súa saca, cargada de afectos, recordos, boas e malas novas… As ilustracións completan e enriquecen o texto cun orixinal collage de imaxes relacionadas co gremio postal: sobres, selos, palabras manuscritas que trazan a forma dos personaxes… Cun estudado esquema cinematográfico, Iris Samartzi combina distintos tipos de planos, ata o extremo de situar a ollada dos lectores no interior do bolso do carteiro. Tamén se coida o aspecto cromático, cunha luminosa paleta na que predominan brancos, azuis, ocres, e coa que mesmo se plasma a carga simbólica de cada cor.
O IX Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado destaca pola súa harmonía e equilibrio, a capacidade para trasmitir tenrura e alegría á vez, ademais de poñer en valor un oficio que favorece a comunicación e as relacións entre persoas e comunidades.
O IX Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado destaca pola súa harmonía e equilibrio, a capacidade para trasmitir tenrura e alegría á vez, ademais de poñer en valor un oficio que favorece a comunicación e as relacións entre persoas e comunidades.
Otros idiomas:
Colección: Premio Compostela
Edad recomendada: A partir de 6 años
Páginas: 48
Tamaño: 20 x 15
ISBN: 978-84-8464-271-8
Premios : IX PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DE ÁLBUM ILUSTRADO
LO + 2016 (Canal Lector – Fundación Germán Sánchez Ruipérez)