Crías de animais. Quen son? Terras polares

Pingüín, foca, oso polar… as crías desta serie preséntanse e dannos pistas para que adiviñemos a que especie pertencen. As ilustracións, realistas e de gran detallismo e expresividade, acompañan este xogo para achegarnos á fauna salvaxe dos territorios polares.

A serie «Quen son? Crías de animais» presenta varias especies de mamíferos e de aves agrupadas por continentes para inspirar a curiosidade pola fauna e polo coidado da natureza dende as primeiras idades. Cada título inclúe sete crías: con textos sinxelos e descritivos, acompañados dunha suxestiva ilustración, cada unha preséntase cunha adiviña e establece un diálogo directo e activo coas lectoras e cos lectores; o enigma resólvese ao pasar a páxina, onde aparece coa súa familia no seu hábitat natural, ampliando a información sobre a contorna, os costumes e as características físicas dos adultos. Son textos cientificamente rigorosos que plasman a realidade da natureza de forma doada e comprensible, ademais de amosar a biodiversidade e as distintas formas de crianza.

Realizadas con grafito e suavemente coloreadas, as imaxes son realistas e de gran detalle, fieis aos canons da ilustración científica, e destacan pola expresividade e pola tenrura dos protagonistas. A parte narrativa e a visual compleméntanse, resultando un material de referencia non só para escolas e bibliotecas, senón tamén para compartir no fogar.

O oso panda, o macaco xaponés, o dromedario, a raposa voadora, o tigre, o orangután e a cacatúa filipina protagonizan o volume ambientado en Asia. O oso polar, a morsa, o pingüín emperador, o reno, a foca e o raposo ártico ocupan a selección das terras polares. Tampouco falta a reflexión sobre a situación dos animais no continente que habitan para que os cativos coñezan as principais ameazas que fan perigar a súa conservación e tomen conciencia sobre a importancia de respectar e protexer o planeta.
Leer más
Leer menos
14,00 €