Crías de animais. Quen son? Australia

Koala, canguro, ornitorrinco… un libro para que os máis cativos coñezan a fauna do territorio australiano presentada polas propias crías das principais especies. Unhas fermosas ilustracións realistas formulan unha sinxela adiviña que se resolve con información sobre estas crías e as súas familias.

A serie «Quen son? Crías de animais» presenta varias especies de mamíferos e de aves agrupadas por continentes para inspirar a curiosidade pola fauna e polo coidado da natureza dende as primeiras idades. Cada título inclúe sete crías: con textos sinxelos e descritivos, acompañados dunha suxestiva ilustración, cada unha preséntasenos cunha adiviña e establece un diálogo directo e activo coas lectoras e cos lectores; o enigma resólvese ao pasar a páxina, onde aparece coa súa familia no seu hábitat natural, ampliando a información. Son textos cientificamente rigorosos que plasman a realidade da natureza de forma doada e comprensible, ademais de amosar a biodiversidade e as distintas formas de crianza. Realizadas con grafito e suavemente coloreadas, as imaxes son realistas e de gran detallismo, fieis aos canons da ilustración científica, e destacan pola expresividade e pola tenrura dos protagonistas. A parte narrativa e a visual compleméntanse, resultando un material de referencia non só para escolas e bibliotecas, senón tamén para compartir no fogar.

O mapache, o tucano, o armadillo, o xaguar, o preguiceiro, a vicuña e o can das pradarías protagonizan o volume ambientado en América. O canguro, o koala, a cucaburra, o ornitorrinco, o equidna, o diaño de Tasmania e o petauro ocupan a selección de Australia. Tampouco falta a reflexión sobre a situación dos animais no continente que habitan para que os cativos coñezan as principais ameazas que fan perigar a súa conservación e tomen conciencia sobre a importancia de respectar e protexer o planeta.
Leer más
Leer menos
14,00 €