Por que as nenas e os nenos?

Tonucci, Francesco Traducción: Carlos Acevedo

A obra máis persoal do célebre autor de “A cidade dos nenos”; un punto de inflexión na traxectoria deste pedagogo arredor de temas fundamentais como os dereitos e a dignidade das nenas e dos nenos.

«Por que as nenas e os nenos?» é a obra máis xenuina de Francesco Tonucci, un punto de inflexión na traxectoria deste pedagogo de sona internacional arredor dos dereitos e da dignidade da infancia. Trátase dun ensaio imprescindible que bota luz sobre as grandes contradicións do mundo actual ante temas tan importantes como a educación e a infancia. Este libro non é a presentación dun proxecto educativo, explica o autor, senón “un testemuño emocional, persoal e profesional”. Cando, aos tres anos, o seu primeiro fillo dixo a palabra “descubrido”, Tonucci quedou marabillado pola forma na que instintivamente conxugara o verbo de forma lóxica, malia non saber que era irregular. Nese erro, Tonucci viu unha revelación: se as nenas e os nenos a esa idade sabían tanto, pensou, “como é que a escola, cando teñen seis anos, os obriga a encher as páxinas do caderno con letriñas do alfabeto ou palabras sen sentido?”. Tras moitos anos estudando o pensamento e o comportamento infantís, esta anécdota levouno a un cambio de visión. Esta obra reflexiona arredor da necesidade de ver as nenas e os nenos como seres con talento que merecen o seu propio espazo na sociedade.

“Cada erro dos nenos é unha invención”, sostén o autor. Cando se trabucan están inventando algo, polo que os erros deberían ser un foco de atención na escola, unha fiestra aberta ao seu mundo secreto. Esta idea refórzase a través dos avances da ciencia, que chegou a un consenso: a etapa máis importante da vida é a primeira, na que se poñen os alicerces do que se vai construír posteriormente.

Tonucci rexeita así a antiga idea sobre que o importante comeza aos seis anos coa aprendizaxe das letras e dos números. A crenza xeralizada sostiña que a etapa infantil prepara para a primaria e que a primaria para a secundaria; pero el insiste no contrario: o importante vén ao principio, nos primeiros anos, por iso é fundamental que se faga ben.
Leer más
Leer menos
14,00 €