Imaxina animais

As aparencias enganan. O que a partir de agora comeza, é unha procura por descubrir a eses seres «invisibles» que nos rodean no día a día.

O abrenoites, o metrocol, o tibulatas, a bolbopecha... Por terra, mar e aire, estes singulares animais sorprenderán o lector, animándoo a contemplar os trebellos da súa contorna con outro punto de vista, porque nada é o que parece. Ideas que van e veñen, xogos de palabras, ferramentas que deixan de ser o que son para camuflarse nun espazo alleo... Neste libro de creación conxunta entre Xosé Ballesteros e Juan Vidaurre, os autores descontextualizan o significado das cousas, alteran por sorpresa o seu estado natural e propóñenlle ao lector un xogo próximo ás greguerías de Gómez de la Serna para descubrir a vida oculta dos obxectos, cunha proposta estética chea de humor e paradoxos.

Neste catálogo de ideas-obxecto, Vidaurre constrúe metáforas visuais asociando insolitamente dous entes que proceden de espazos que -por separado- nada teñen que ver entre si, pero que comparten algunha cualidade física ou abstracta. O seu traballo inspírase na obra poético-visual de Joan Brossa e do fotógrafo Chema Madoz. Ao igual que os seus principais referentes artísticos, transforma os obxectos, dótaos de ollos, ás, antenas, bocas e patas. Como un equilibrista dos conceptos, consegue que o lector experimente curiosidade ante a mestura chocante destes elementos sobre fondos neutros.

Os textos de Xosé Ballesteros achegan o lector a un estraño medio natural no que se confunden a realidade coa ficción; onde -xogando coas palabras- evócanse animais inexistentes a través das súas características e dos ambientes nos que habitan. Trátase dun exercicio de estilo, un elaborado traballo literario no que subxace o concepto surrealista da palabra-maletín de Xulio Cortázar, o nonsense ou disparate creado por Lewis Carrol -practicado tamén por Edward Lear- e no que se aprecia unha homenaxe a Gianni Rodari e á súa fantástica.
Leer más
Leer menos
14,00 €

Otros idiomas: