Gato Guille e os monstros

Na casa de Guille óense ruídos estraños e ata a súa propia mamá está asustada. Pero Guille atopa a fórmula para desenmascarar os medos.

Este álbum aborda un tema interesante e habitual nos nenos: omedo. Gato Guille é incapaz de quedar só xogando porque atérranlle os ruidos estranos: o aire que entra pola fiestra, a lavadora, o ascensor, a cisterna que pinga... Calquera son alleo convértese, na súa imaxinación, nun monstro que pode atacalo. A súa reacción consiste en fuxir na procura da protección da nai. Mamá Gata é a súa única fonte de seguridade e, avanzando a historia, o lector comprobará que tamén é a única capaz de disiparlle os temores. Porque acaba sendo a nai quen se alarme cos ruidos que previamente atemorizaran a Guille. Daquela o gatiño axudaralle a perder o medo tomándoa da man e dándolle unha explicación razoable a cada suceso. Mamá Gata é o alter ego da autora que, deste xeito, diríxese aos lectores para transmitirlles que o medo só está na mente de cada un e que cómpre afrontarlo con decisión para vencelo.

Rocío Martínez ilustra coa técnica do pastel para recrear personaxes e espazos cheos de dozura. Tamén xoga coa perspectiva para dar a sensación de que as estancias da casa son sitios inmensos, tal e como os máis pequenos perciben a realidade máis inmediata. Con esa impresión de amplitude medran a intriga, o medo e soidade que invaden a Guille. Pero os ambientes non chegan a ser ameazantes nin tétricos; hai elementos -xoguetes, roupa, libros- que lle lembran ao lector que está nun lugar seguro: o fogar.

Non falta a particular homenaxe da autora a Maurice Sendak, autor de “Onde viven os monstros”. Esta obra -editada por KALANDRAKA- aparece representada nunha das escenas do libro. Os diferentes tamaños da tipografía e a disposición dinámica das palabras en cada páxina logran efectos visuais que enriquecen a narración e a mensaxe do conto: recursos como as onomatopeas ou o maior tamaño das frases nos momentos nos que se marcan picos de tensión, contribúen a procurar da historia todo o seu potencial.
Leer más
Leer menos
14,00 €