FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA 2024

Dende o xoves 1 ata o sábado 10 de agosto celebrarase a Feira do Libro da Coruña, que terá lugar nos Xardíns de Méndez Núñez. Para esta ocasión, KALANDRAKA ten programado un amplo calendario, no que se inclúen actividades destinadas tanto a público infantil como a lectoras e lectores adultos.
A axenda ábrese o propio xoves día 1, coa artista plástica Lucía Cobo. A partir das 18:30 horas visitará a caseta da libraría Galgo Azul para asinar exemplares de «Osa», o seu primeiro álbum. Asinará tamén «Continente animal», un poemario que conta coas súas ilustracións.
A participación de KALANDRAKA na Feira do Libro da Coruña continúa o venres día 2 cun concerto de presentación de «Son animal», o novo libro-disco de Paco Nogueiras, ás 17:30 horas. Ás 18:30 horas, o ilustrador Marc Taeger visitará a caseta de Galgo Azul para asinar as súas obras. Ás 19:00 horas, a caseta de Lume acollerá o tamén ilustrador David Pintor, que asinará exemplares dos seus traballos.
O sábado 3, José Ramón Alonso e Lucía Cobo presentarán «Osa» ás 18:30 horas, acompañados polo músico Álex Fente e a narradora Sara Lebedinsky. Ás 19:00 horas, a fotógrafa Maribel Longueira estará na caseta de KALANDRAKA para asinar exemplares de «Papagaio».
O domingo 4, a partir das 19:00 horas, o ilustrador Óscar Villán visitará a caseta de Santos Ochoa, onde asinará exemplares das súas obras.
O venres 9 ás 19:00 horas, o artista Ramón Trigo presentará o seu novo libro, «Labirinto», nunha conversa con Branca Trigo na que non faltará a lectura de textos poéticos e a performance artística. Á mesma hora, a poeta Rosalía Fernández Rial asina «De centeo e durmideiras» na caseta de KALANDRAKA.
O sábado 10, última xornada da feira, a partir das 19:30 horas celebrarase a presentación e recital de «Enciclopedia perplexidade», a primeira escolma poética de Antón Reixa.