CONTOS E MÚSICA CON PACO NOGUEIRAS NA FEIRA DO LIBRO DE SANTIAGO

CONTOS E MÚSICA CON PACO NOGUEIRAS NA FEIRA DO LIBRO DE SANTIAGO

A Feira do Libro de Santiago que organiza a Federación de Librarías de Galicia despídese do Paseo Central da Alameda o domingo 11 de maio cunha sesión de contos e música para público infantil con Paco Nogueiras, a partir das 17:30 horas. «Bim Bam Bum», a obra coa que a autora e ilustradora Maria Girón gañou o XVII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, centrará un repertorio de historias cheas de ritmo e diversión.

As nenas e os nenos máis cativos gozarán con «Violín» e os demais instrumentos reunidos neste volume da colección Do berce á lúa, de Antonio Rubio e Óscar Villán, xunto co poema ilustrado «Polo mar salgado» de Nieves García e Marina Gibert, e «Un dous tres, que ves?» de Daniela Kulot, que soará coa característica cadencia do rap.

Tampouco faltarán contos de animais como «Cinco ratiños», outro dos libros recentes de Maria Girón, e «Tarde de sapo» de Maite Mutuberria: dous relatos con moito humor nos que o apetito xoga un papel destacado.

E ademais, as melodías de «Son animal», o novo libro-disco de Paco Nogueiras que o músico compostelán lle dedica ás criaturas que habitan no medio rural, tanto no ámbito doméstico como nos espazos silvestres.

May 11 2025

Detalles

Comienzo: May 11, 2025, 5:30 PM
Fin: May 11, 2025, 6:15 PM
Dirección: Paseo Central da Alameda de Santiago de Compostela

Sede

Feira do Libro de Santiago

+ Google Map