Un, dous, tres. Que ves?

Budde, Nadia Traducción: Xosé Ballesteros

Álbum cheo de ritmo con personaxes encadeados e ilustracións de gran colorido para recoñecer imaxes e palabras. Elaborado en cartón para que sexa manexable e útil no proceso de aprendizaxe dos primeiros lectores.

O tándem texto-ilustracións é a clave para que «Un, dous, tres, que ves?» se converta nun dos libros favoritos dos primeiros lectores. A sucesión de personaxes que desfilan por estas páxinas en diferentes situacións, actitudes e con distintas aparencias, permite que as nenas e os nenos aprendan a recoñecer imaxes e palabras. A rima, o ritmo e a musicalidade mantéñense de principio a fin, incluídas a portada e a contraportada. Ademais do xogo fonético, tamén destaca a estrutura, encadeada e facilmente recoñecible: cada conxunto de palabras remata coa introdución dun novo personaxe que dá pé á serie seguinte, e así sucesivamente.

Lobos e porquiños, ratos e coellos, gatos e cadelos, mouchos e osos son parte da fauna invitada a este divertido e disparatado encontro de amigas e amigos. O ton lúdico, o humor e o colorido dunhas orixinais ilustracións con trazos grosos contribúen ao atractivo da obra.

O formato, en cartón duro e cos cantos redondeados, está enfocado a que o público infantil se relacione intensamente co libro: que sexa manexable, que poida pasar as páxinas con facilidade, que o teña como un obxecto e mesmo un xoguete máis. «Un, dous, tres, que ves?» é unha proposta útil para apoiar a aprendizaxe dos primeiros lectores, a súa capacidade para comunicarse e desenvolver habilidades relacionadas coa psicomotricidade.
Leer más
Leer menos
12,00 €