A panadería

Unha historia de tolerancia e solidariedade cunhas sorprendentes ilustracións que convidan a gozar de ata o máis mínimo detalle.

Fronte aos receos e á desconfianza cara a quen é diferente ou de procedencia foránea, esta fábula actual promove a tolerancia, a diversidade, a integración e a axuda mutua a prol dunha sociedade mellor.


Buscando un lugar onde desenvolver o seu oficio como panadeiros e formar parte da comunidade, unha familia de lobos deixa a cidade —un espazo hostil habitado por distintas especies de fauna salvaxe que deambulan co rostro serio— para instalarse ás aforas dunha vila cuxa veciñanza está formada por animais domésticos. Aínda que alí tampouco son ben recibidos, os protagonistas tratan de gañar a confianza da poboación. Ante un gran temporal que deixa as rúas e as casas anegadas, a familia de lobos únese a toda a vila para colaborar na limpeza da lameira, un xesto solidario que muda a consideración negativa que lles tiñan. 


«A panadería» foi unha das obras presentadas ao XVII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado e a súa creación foi moi anterior á tráxica dina de 2024 en Valencia. Dende un prisma infantil, o fillo maior é o narrador deste relato emotivo que, a modo de flashback, describe as peripecias da familia por saír adiante.


As ilustracións amplifican de forma considerable o texto de Lucía Belarte, achegando claves visuais —a ausencia de prexuízos na infancia, por exemplo— para a comprensión da historia. Como o pan e os doces que papá e mamá lobo enfornan  con dedicación, David Lorenzo recorre a unha técnica tan artesanal e meticulosa como o grafito. O resultado son unhas espectaculares imaxes en branco e negro cuxa forza comunicativa mesmo permite prescindir das palabras nalgunha páxina. Tanto a representación dos animais humanizados como os escenarios onde transcorren os acontecementos destacan polo seu extraordinario detallismo, o tratamento da luz, a variedade de planos e perspectivas —velaí a influencia cinematográfica— e ata pistas que remiten á obra do debuxante e activista social Keith Haring.

Leer más
Leer menos
16,00 €

Otros idiomas: