Estoxo Pippi Mediaslongas
Nenas e nenos de todo o mundo pasamos horas inesquecibles de lectura ao abeiro das andanzas de Pippi Mediaslongas. Canda ela, os seus inseparables Tommy e Annika, na compaña do seu cabalo e mais do señor Nilsson. Diversión, tenrura e humor, optimismo e ledicia son os ingredientes deste clásico universal e imprescindible. A súa protagonista converteuse nunha icona contemporánea que inspirou unha serie na televisión sueca en 1969 e varias películas.
Este estoxo especial reúne a triloxía completa de «Pippi Mediaslongas» (distinguido co Premio Gala do Libro 2018 á mellor tradución e incluído na Lista de Honra IBBY 2020), «Pippi Mediaslongas embarca» e «Pippi Mediaslongas nos Mares do Sur» coas ilustracións orixinais e restauradas de Ingrid Vang Nyman.
Rebelde e transgresora, independente e extrovertida, Pippi racha cos estereotipos, explora os límites da imaxinación e actúa de forma contestataria fronte aos maiores. As súas accións -motivadas polo absurdo, a espontaneidade ou a provocación evidencian
as convencións que rexían na escola, na familia e na sociedade da época.
En cada un dos volumes descubrimos a capacidade de Pippi para converter nunha aventura abraiante calquera cousa que faga:
a vida en Vilapenela, a visita do seu pai, a viaxe á illa de Korakora onde o capitán Efraim Mediaslongas é o rei... Unha nena especial e única que fai da espontaneidade e do humor a súa bandeira!