A imaxinación e a expresión artística na infancia

Vigotski, Lev Traducción: Elena Sherevera e Lourenzo Maroño

Un estudo pioneiro e vixente sobre o desenvolvemento da imaxinación artística das nenas e dos nenos, especialmente nos campos da literatura, do teatro e do debuxo.

“A imaxinación e a expresión artística na infancia” foi unha das primeiras obras do gran psicólogo ruso Lev Vigotski. Escrita a partir dos coñecementos científicos do seu tempo e publicada en 1930, segue a ser un texto fundamental, tanto para promover a acción didáctica como para deseñar políticas educativas democráticas. Vigotski afirmaba que a creatividade existe potencialmente en todas as persoas; que non é privativa dos xenios. Investigou sobre a evolución psicolóxica da infancia, a formación do pensamento e o papel da linguaxe nunha perspectiva socio-cultural: por medio da aprendizaxe en interacción cos adultos. O pensamento existe a través das palabras e, nesta perspectiva, o autor animaba a desenvolver actividades relacionadas coa creación artística na idade escolar, favorecedoras da simbolización e potenciadoras da imaxinación, que inciden na formación de personalidades creadoras.

Por exemplo, Vigotski sostiña que os nenos atopaban nas revistas a aplicación de capacidades moi distintas: «Os que teñen inclinación cara á literatura, escriben; os bos organizadores dirixen as reunións e distribúen o traballo; a quen lle gusta copia, pegar, recortar [...] ocúpase con interese destas tarefas. En resumo, todas as inclinacións dos nenos atopan a súa utilidade na revista». Igualmente, os murais permiten aglutinar ao seu arredor o esforzo colectivo de nenos que participan desenvolvendo os máis variados traballos.

No epílogo do libro, o profesor Juan Carlos Pardo sostén que, no futuro, o ocio vai ser unha “actividade cardinal”. Por iso defende que nesa “sociedade do ocio” vai ser necesaria unha “profunda formación na empatía e nos saberes humanísticos e artísticos”.
Leer más
Leer menos
14,00 €