Educación para un mundo novo

Montessori, Maria Traducción: Carlos Acevedo

Maria Montessori sitúa os nenos e as nenas como protagonistas do proceso educativo, defendendo as súas capacidades innatas e considerando a natureza como un piar fundamental para o seu desenvolvemento integral. Epílogo de Lois Ferradás

Entre a vintena de libros de María Montessori, “Educación para un mundo novo” (1946) recompila as conferencias que impartiu na India, un país ao que viaxou en 1939 e onde a súa pedagoxía foi recomendada por Tagore e Gandhi. Ao pouco, Italia entrou na II Guerra Mundial e quedou alí confinada; un tempo no que se interesou pola etapa da infancia dos 0 aos 3 anos e impulsou as “Casas dos Nenos” como alternativa ás garderías. Apostando pola liberdade, cunha concepción activa da aprendizaxe, e cunha orientación universalista e pacifista, María Montessori revolucionou os sistemas escolares existentes ata entón ao poñer o neno/a como protagonista do proceso educativo a través dunha metodoloxía didáctica promotora da maduración progresiva da infancia. Potenciou a educación sensorial, creou novos materiais co obxectivo de favorecer a autoaprendizaxe e puxo a escola ao alcance da infancia, ao defender que esta tiña que adaptarse ao mundo infantil, non ao revés. No Método Montessori -entendido como unha axuda á vida- os rapaces desenvólvense nun ambiente preparado que parte dos principios naturais de autonomía, independencia, iniciativa, capacidade para elixir, desenvolvemento da vontade e autodisciplina. María Montessori cría na necesidade de darlle a cada persoa a oportunidade de desenvolver as súas propias capacidades, a ser máis equilibrados e independentes. No mundo hai máis de 22.000 centros educativos montessorianos. A mestra María Barbeito e Cerviño (1880-1970) foi pioneira na súa implantación en Galicia e o seu legado foi tamén recollido por Preescolar na Casa e por Nova Escola Galega. Este volume da colección “Biblioteca de Pedagoxía” mostra as grandes capacidades dos nenos e orienta os adultos cara a un novo xeito de intervención en colaboración coa natureza.
Leer más
Leer menos
16,00 €

Otros idiomas: