As sílabas do mundo

Entre o clasicismo e a modernidade, versos que representan a Ítaca da memoria; un espello onde se reflicten os sentimentos e mais a alma. Ilustración de cuberta de ÁLVARO DE LA VEGA

«As sílabas do mundo» é unha aposta militantemente figurativa de Luís Rei Núñez que, despois de «Estrela do norte» sae ao encontro das lectoras e dos lectores coa ambición -ese “imposible viable”- de ofrecerlles un espello onde tamén quede reflectida a súa alma. É unha poesía que rende a obediencia debida aos sentimentos, que constata a simetría entre a celebración e o laio, e que emparella clasicismo e modernidade. Faino revivindo días que nacen e morren e que, ao pasar, xeran un latexo que regresa para alimentar, na resurrección menor de cada amencer, o noso corazón. Grazas a iso permanecen en nós grandes bosques, calor humana e longas mareas; e acendidas e xélidas reminiscencias; e seres humanos exactísimos e vagos... A Ítaca, en definitiva, da memoria.

Así, mentres dan conta dun navegar polo tempo, os poemas deste libro -máis unha vez e como sempre desde que os bardos tanxían cítaras- son o humilde froito dun asombro xigantesco. Por seren nomeadamente tentativas na busca, e asemade na fuxida, dunha paz que ignoramos.
Leer más
Leer menos
15,00 €