Os ángulos da brasa

Do cotiá, do íntimo, do simbólico. Os versos audaces e rotundos de Álvarez Torneiro rodean o lector cos brazos acolledores da lírica, na nova colección Tambo.

Ilustración de cuberta de FAUSTO ISORNA

“Os ángulos da brasa” é unha nova estación no percorrido pola memoria emprendido por Manuel Álvarez Torneiro dende os seus versos iniciais; o seu reencontro cos lectores despois de “Parábola do incrédulo” (2006). Perduran intactas, en rara coherencia íntima, a fe na robustez da beleza e no poder da palabra; finalmente, as mellores armas do poeta na súa teimuda batalla «contra o mundo e a favor da vida». Dividida en tres partes -‘Trama de vida’, ‘Terreal e sagrado’, e ‘Tapiz de cinsa’- este poemario presenta 67 composicións poéticas que botan unha ollada reflexiva sobre a cotidianeidade, que comparten emocións íntimas e xogan coa dimensión simbólica da palabra.

Faktoría K retoma o ronsel literario iniciado pola colección de poesía Tambo, que interrompera a súa actividade en 2006 despois de máis de trinta entregas. Daquela -e tamén con Luís Rei Núñez como coordinador- saíron do prelo obras de escritores como Carlos Oroza, Ramiro Fonte, Estíbaliz Espinosa, Antón Patiño, Román Raña, Manuel Romón, Elvira Rivero, Xavier Seoane, Cecilio Muñoz ou o propio Manuel Álvarez Torneiro. Na ilustración das portadas colaboraron artistas como Menchu Lamas, Xosé Freixanes, Berta Cáccamo, Marta Armada ou Antón Lamazares. Nesta nova etapa, Tambo ábrese a autores doutras linguas, traducidos directamente para o galego.
Leer más
Leer menos
15,00 €